Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

Convocada folga no metal de Lugo os días 14 e 21 outubro ante a falta de avances na negociación dos convenios

    O 1 de outubro haberá unha primeira mobilización no Polígono do Ceao.

    28/09/2026.
    Asemblea do metal de Lugo, este mes de setembro.

    Asemblea do metal de Lugo, este mes de setembro.

    As organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO convocan dúas xornadas de folga no siderometal e no comercio do metal da provincia de Lugo ante a falta de avances na negociación de ambos os convenios colectivos. Os paros desenvolveranse os días 14 e 21 de outubro e previamente está prevista unha concentración para o 1 de outubro, ás 13:00 horas, nas rotondas de acceso ao Polígono do Ceao.

    Estas convocatorias responden ao mandato dado polas diferentes asembleas do persoal celebradas nas últimas semanas, que aprobaron iniciar un calendario de mobilizacións de non se produciren avances substanciais na negociación colectiva.

    José Luis López, representante de CCOO Industria de Lugo, avalía moi negativamente a resposta da patronal do metal na xuntanza deste pasado venres, subliñando que a parte social fixo un exercicio xeneroso de retirar ou minimizar as reivindicacións últimas ata uns mínimos xa difíciles de minorar máis, en prol de que fosen aceptados.

    A pesar diso, critica que non foron quen de incrementar a súa ridícula oferta salarial e de xornada, factores que abocan a cumprir os mandatos das últimas asembleas e a ir á mobilización.

    Así mesmo, repróbase de plano a incapacidade da patronal para achegar ningún tipo de proposta, mais aló de pequenos temas pero sen entregar novas ofertas salariais nin de xornada, e critícase a intención deliberada do empresariado de prolongar as negociacións. Neste senso, incídese en que o persoal do sector non está en disposición de agardar máis polos seus convenios, tendo en conta a perda constante de poder adquisitivo debido á medra da carestía da vida e a necesidade de actualizar non só os soldos, senón tamén as condicións laborais e sociais.

    No tocante ás demandas da parte social, reivindícanse subas do 7 % por cada ano de vixencia do convenio e unha cláusula de revisión anual conforme ao IPC máis 1 punto para garantir así uns salarios que permitan unha vida digna e que se manteña a capacidade adquisitiva; reducir a xornada laboral un día por ano a partir de 2027; ampliar a cobertura nas baixas médicas; mellorar as licenzas; melloras na prevención e seguridade; ou medidas para combater a precariedade laboral que se está a instalar no sector.

    O día 9 de outubro está fixada unha nova reunión da mesa de negociación e, de non se produciren movementos significativos, as centrais sindicais fan un chamado ao conxunto do persoal do siderometal e comercio do metal para dar unha resposta contundente nas folgas do 14 e 21 de outubro, co firme convencemento de que só a través da loita se poderán lograr convenios dignos.