Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

Suba salarial, menor xornada e melloras sociais no novo convenio de Marfrío

    O persoal de Marfrío aprobou cun 90 % de apoio o preacordo para o novo convenio colectivo, que supón avances en materia salarial e de xornada, así como melloras nos permisos, complementos e protección social. O acordo, con vixencia ata 2029, establece unha redución progresiva da xornada anual ata as 1720 horas e incorpora incrementos salariais con garantía ligada ao IPC. O asinamento definitivo está previsto para o vindeiro 14 de outubro.

    28/09/2026.
    Marfrío conta cunha planta en Marín. | Foto: Marfrio.com

    Marfrío conta cunha planta en Marín. | Foto: Marfrio.com

    CCOO-Industria de Galicia salienta o amplo respaldo obtido na asemblea e considera que o acordo permite avanzar en salarios, tempo de traballo e dereitos. O asinamento definitivo do convenio está prevista para o 14 de outubro.

    Redución da xornada e melloras salariais

    A xornada anual será de 1732 horas en 2026, 1728 en 2027, 1724 en 2028 e 1720 en 2029. Ademais, o tempo de bocadillo a cargo da empresa aumentará en tres minutos ao longo da vixencia do convenio, de maneira que en 2029 dez dos vinte minutos de descanso computarán como tempo efectivo de traballo.

    En materia salarial, o preacordo establece para 2026, con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro, un incremento do 7,2 % para os grupos profesionais D e E e do 6,3 % para os grupos A, B e C. En 2027 a suba será do 4 % para todos os grupos, mentres que en 2028 e 2029 será do 2,5 % cada ano.

    As táboas salariais incorporarán unha cláusula de garantía ligada ao IPC, cunha actualización adicional de ata o 1 % por exercicio entre 2027 e 2029 cando a evolución dos prezos supere os incrementos pactados.

    Actualización de pluses

    O texto tamén actualiza os pluses de posto e, desde 2027, o complemento persoal, con porcentaxes específicos segundo o grupo profesional. Tamén mellora as contías dos pluses de refrixerado, serras, tempura e xelificado e calidade.

    Máis permisos e protección social

    O preacordo amplía e actualiza os permisos retribuídos, recoñece expresamente as parellas de feito e mellora as axudas sociais. A axuda por fillo ou filla con discapacidade elévase a 90 euros brutos mensuais, mentres que a axuda escolar queda fixada en 65 euros brutos por curso.

    O convenio incorporará tamén medidas e un protocolo de igualdade e non discriminación das persoas LGTBI, así como un protocolo de actuación fronte a catástrofes e fenómenos meteorolóxicos adversos.