Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

O comité da CSAG prepara novas mobilizacións en defensa dos medios públicos galegos

    Comisións Obreiras, xunto co resto das organizacións sindicais integradas no comité intercentros da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG, antiga CRTVG), traballará na convocatoria de novas mobilizacións en defensa dos medios públicos galegos ante o que considera un avance das externalizacións, a redución do cadro de persoal propio e o agravamento da manipulación informativa.

    29/09/2026.
    Fotografía da manifestación do 6 de novembro do 2022 baixo o lema «Rescatar a CRTVG» | Foto: Arquivo CCOO

    Fotografía da manifestación do 6 de novembro do 2022 baixo o lema «Rescatar a CRTVG» | Foto: Arquivo CCOO

    O comité intercentros acordou convocar as organizacións da Plataforma en Defensa dos Medios Públicos para analizar a situación actual e preparar unha nova acción reivindicativa. A iniciativa dá continuidade ás mobilizacións desenvolvidas nos últimos anos para reclamar uns medios públicos galegos con máis recursos, produción propia e garantías de pluralidade.

    A decisión chega despois da concentración realizada o pasado 23 de setembro en Santiago, convocada polo comité intercentros e celebrada ao remate do programa «Bos Días». Varias ducias de traballadoras e traballadores da Televisión de Galicia e da Radio Galega mobilizáronse baixo o lema «Non coas nosas mans» para denunciar o que cualificaron como un «agravamento da manipulación informativa».

    Denuncia dos editoriais nos informativos

    Na protesta da pasada semana, o persoal denunciou a incorporación de editoriais aos informativos da TVG e da RG, ao considerar que mesturan información e opinión e reproducen discursos partidistas.

    O comité intercentros cuestiona tamén o cumprimento dos propios Criterios reitores da dirección editorial da CSAG. Segundo o artigo 6, punto i, destes criterios, as opinións, canto aos xuízos de valor, deben ser emitidas por persoas alleas á Corporación e coa identificación de quen as manifeste.

    Neste contexto, o persoal reclama coñecer quen redacta e aproba estes editoriais e quen asume a responsabilidade polo seu contido. O comité considera «inaceptable» introducir opinión ou propaganda partidista baixo a aparencia de información e reclama o cesamento destas prácticas.

    Menos persoal propio e máis externalización

    O comité intercentros alerta tamén da evolución do cadro de persoal. Segundo os datos trasladados pola representación dos traballadores e traballadoras, 110 dos 831 postos do cadro de persoal quedan afectados por prazas vacantes que non se cobren.

    Ao tempo, continúa a externalización de programas e contidos, incluídos novos espazos da Radio Galega, mentres se reduce a produción propia da CSAG. Para CCOO, esta dinámica debilita os medios públicos e a súa capacidade para desenvolver unha programación propia ao servizo da sociedade galega.

    O sindicato considera necesario reforzar os recursos humanos e materiais propios e garantir unhas condicións que permitan desenvolver unha produción pública de calidade, fronte a un modelo baseado cada vez máis na contratación de contidos externos.

    Artellar unha gran mobilización social

    O comité intercentros acordou dar novos pasos para artellar unha resposta conxunta coa plataforma en defensa dos medios públicos. O obxectivo é recuperar a mobilización social ao redor da CSAG e reclamar uns medios públicos con capacidade propia, emprego de calidade e garantías de pluralidade.

    Esta iniciativa pretende ser continuación directa da gran mobilización do 6 de novembro de 2022, que contou coa participación de máis de corenta colectivos, así como da campaña «Liberemos A Galega», cuxa iniciativa foi rexeitada polo PPdeG no Parlamento de Galicia en 2025.

    CCOO, como integrante do comité intercentros, participará nos traballos para preparar esta nova mobilización e continuará defendendo o carácter público da CSAG, o reforzamento do cadro de persoal propio e o cumprimento da súa función de servizo público.