Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

CCOO denuncia que o plan da Xunta contra o ‘absentismo’ é unha cortina de fume para perseguir as persoas enfermas e inxectar nas empresas diñeiro público sen contraprestacións

    Critica o falso «diálogo social» con UGT e a CEG para lexitimar medidas contra a saúde da clase traballadora e denuncia que non se abordan as causas estruturais das baixas médicas.

    29/09/2026.
    Concentración en Vigo, o 12 de maio de 2026.

    Concentración en Vigo, o 12 de maio de 2026.

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia rexeita de forma categórica o denominado «Plan Integral para a Mellora da Prevención, o Benestar Laboral e a Reincorporación Saudable ao Traballo en Galicia (2026-2029)» aprobado no marco da Mesa de Diálogo Social da Xunta, e denuncia que se trata dunha cortina de fume deseñada para perseguir as persoas traballadoras en situación de incapacidade temporal, xustificar novas medidas de control e disciplina sobre quen enferma e canalizar recursos públicos cara ao tecido empresarial sen contraprestación nin esixencia ningunha.

    O documento que a Xunta aprobou onte no Consello —co apoio de UGT e da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)— baixo o lema «do control ao coidado» é, na práctica, todo o contrario. Tras dunha envoltura retórica de benestar e protección, o plan desprega unha arquitectura de xestión da incapacidade temporal por continxencias comúns (ITCC), á que se dedica o 58 % do orzamento, 26 millóns de euros. Isto é, consolida e amplía as medidas de control que se veñen aplicando de forma unilateral nos últimos meses e que espertaron o rexeitamento das propias organizacións médicas.

    Por exemplo, nesta liña, fixa como indicador de seguimento a «porcentaxe de propostas de alta das mutuas resoltas dentro do prazo», apremando o persoal facultativo do Sergas para acelerar as altas médicas. Pola contra, non se aborda ningunha das causas estruturais das baixas médicas: condicións de traballo, precariedade, horas extra non pagadas ou subrexistro de enfermidades profesionais.

    Para CCOO resulta especialmente sintomática do verdadeiro obxectivo do plan: a introdución do concepto de «uso responsable» do sistema de protección, que converte o dereito á saúde nun privilexio condicionado ao comportamento do titular. Despréganse, nese senso, unha serie de medidas que poñen no albo as persoas traballadoras, como a creación dunha «carta de dereitos e deberes» da persoa enferma que esixe «colaborar na recuperación e na reincorporación», como se a saúde fose un contrato bilateral.

    Dereito á saúde, en cuestión

    Tamén establece un «dispositivo de actuación conxunta fronte a posibles abusos», malia que o propio plan recoñece que o uso inadecuado é un «fenómeno minoritario». A evidencia que manexa CCOO —e que o propio texto da Xunta ratifica— é que non existe ningunha utilización abusiva da prestación: non hai constatación obxectiva de fraude xeneralizado en ningún colectivo, sexo, doenza, sector de actividade nin ámbito territorial.

    Comisións Obreiras lembra que a prestación de incapacidade temporal protexe dous dereitos constitucionais: «recoñécese o dereito á protección da saúde» (art. 43 CE) e o ao traballo (art. 35 CE). Non é un sistema que se «use» de forma responsable ou irresponsable; é un dereito fundamental que se exerce cando un profesional sanitario así o determina.

    «O exercicio lexítimo dos dereitos nunca é a cuestión. Converter a quen está enfermo en sospeitoso permanente mediante estatísticas distorcidas non resolve os problemas que explican o aumento das baixas. Só serve para xustificar recortes de dereitos. Non podemos permitilo. Está en xogo o noso dereito á saúde e, con el, o resto dos nosos dereitos», sinala o secretario de Saúde Laboral, Armando Iglesias.

    Beneficios para a patronal

    A gran beneficiada do plan é a patronal, que recibirá cartos públicos por aplicar medidas ás que xa estaba obrigada por lei ou que debería pór en marcha por simple responsabilidade. Toda esta batería de subvencións carecen de contraprestación: non se esixe a mellora dos salarios; nin a redución da temporalidade e da precariedade; nin o respecto á negociación colectiva; nin o cesamento das presións para a alta médica prematura; nin deixar de derivar as enfermidades profesionais ao sistema público como continxencias comúns; nin investimentos en I+D+i e en capital produtivo.

    Tampouco se toman medidas para eliminar as horas extraordinarias non pagadas, que en Galicia son o 36,8 % das realizadas. Isto é, 128 000 horas semanais non remuneradas, que equivalen a 3400 empregos equivalentes a xornada completa que non se crean debido a esta explotación.

    «A pretensión do empresariado é que os dereitos lexítimos das persoas traballadoras e as obrigas como empresas non supoñan un custo económico para elas. O plan da Xunta asume esa lóxica: financia co diñeiro de todos o que as empresas deberían facer por obriga legal ou por responsabilidade».

    O documento tampouco acomete o subrexistro de enfermidades profesionais: en 2024 só se notificaron 104 cancros laborais en toda España —menos do 0,4 % das doenzas de orixe laboral comunicadas—, cando as estimacións científicas sitúan en 8000 os casos anuais. Galicia, co seu tecido industrial, naval e conserveiro, é especialmente afectada por este subrexistro, mais non se dedica medida ningunha a combatelo.

    Ademais, moitas das accións no denominado «eixe da prevención» están por desenvolver, como é o caso da estraña figura do «coordinador da reincorporación ao traballo», que nin o propio conselleiro de Emprego logrou explicar onte na conferencia de prensa de presentación. Isto dá a medida de onde está o interese real da Xunta. Mentres, o Goberno galego dedica parte do documento a poñerlle tarefas ao Executivo central, unha táctica habitual.

    Simulacro de diálogo

    A Xunta presentou o plan como «o primeiro deste tipo elaborado no marco do diálogo social no conxunto das comunidades autónomas», pero ese diálogo social é unha ficción: a maioría sindical non participou na elaboración. O Goberno construíu un falso consenso con UGT e a CEG, utilizando esa organización como instrumento de lexitimación para branquear medidas contra a saúde da clase traballadora galega ao amparo dun sindicato de representación limitada.

    «Un plan de saúde laboral sen a participación dos sindicatos maioritarios non é diálogo social: é un simulacro. A Xunta necesitaba unha sinatura sindical para presentar como ‘consensuado’ un deseño que responde aos intereses da patronal. UGT prestouse a ese papel, asinando un documento que non protexe a saúde dos traballadores e traballadoras de Galicia, senón que a condiciona», subliña Armando Iglesias.

    CCOO esixe a retirada do documento na súa configuración actual e a apertura dun proceso de negociación real con todas as organizacións sindicais con representatividade. Reclama un verdadeiro plan de saúde laboral que trate as causas estruturais: condicións de traballo, precariedade, horas extra non pagadas, subrexistro de enfermidades profesionais, cancro laboral ou riscos psicosociais.

    «O plan da Xunta non vai servir para os fins que proclama porque non aborda as causas da enfermidade, non inviste en saúde pública nin mellora as condicións de traballo. Ademais, non persegue a verdadeira fraude: a empresarial», sentencia o responsable de Saúde Laboral. «É un instrumento de disciplina laboral disfrazado de política pública, deseñado para transferir recursos ás empresas e condicionar o exercicio do dereito á saúde. CCOO non o vai permitir. A saúde non se xestiona: protéxese. E quen enferma non é un sospeitoso: é un titular de dereitos», conclúe.