Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

CCOO de Galicia expresa o seu pesar polo pasamento de Redondo Abuín, infatigable loitador antifranquista

    Pertenceu á primeira Comisión Executiva Nacional de CCOO de Galicia, logo dunha vida marcada pola represión e os anos na cadea.

    30/09/2026.
    Redondo Abuín faleceu este martes, 29 de setembro de 2026.

    Redondo Abuín faleceu este martes, 29 de setembro de 2026.

    CCOO de Galicia expresa o seu pesar polo pasamento de Xesús Redondo Abuín (Rianxo, 1939-Santiago de Compostela, 2026), un exemplo de compromiso de loita obreira e antifranquista desde que, só con 17 anos, tivo que emigrar a Asturias para gañar o pan na mina. Viviu anos de exilio e de represión: sufriu un tiro na perna dun garda civil durante unha asemblea de traballadores nas Illas Canarias e pasou «3000 días e 3000 noites» en distintos penais de todo o Estado. Coa constitución oficial das Comisións Obreiras de Galicia, foi membro da primeira Comisión Executiva Nacional e recibiu o Premio 10 de Marzo en 1993.

    «É un home íntegro, posiblemente o máis honesto que coñezo», dicía del Manuel Amor, o primeiro secretario xeral de CCOO de Galicia. «Era un home cunha gran serenidade e unha coraxe tremenda, que xa viña de patear moitas prisións, con oito anos de cadea enriba, e que foi unha grande orientación para nós», lembraba  nas Biografías obreiras de Ferrol Ángel Porto, que o coñeceu no penal de Pontevedra. Precisamente, nese cárcere, en 1974, escribiu este poema:

    Malpocado o carceleiro

    que, sendo amo das chaves,

    sin darse conta, é un preso.

    Eu –con grillóns e sin alas–

    sempre serei home ceibo.

    E por doer, dóeme todo

    e máis que nada, as cadeas,

    mais antes de ser carceleiro,

    cadeas, cadeas, cadeas.

    Xesús Redondo Abuín naceu na parroquia de Asados, no concello de Rianxo, no seo dunha familia pobre. Foi a fame, como sempre lembraba, o que o empurrou a emigrar a Asturias, onde traballou na extracción do carbón. Traballou na mina de La Camocha, onde formaron unha das primeiras Comisións Obreiras e que acaba de ser declarado lugar de memoria democrática.

    Tras as folgas de 1962, tivo que se exiliar. Atopou traballo en Estrasburgo, de onde foi expulsado pola súa participación nas loitas obreiras. Nese momento, o Partido Comunista enviouno a Moscova para consolidar a súa formación política. Cando regresou da Unión Soviética, instalouse en Bélxica onde volveu ás minas de carbón.

    De regreso a España foi novamente detido e enviado a O Aiún, no Sáhara, que era aínda colonia española. Posto en liberdade, marchou a Las Palmas de Gran Canaria. Alí, en Sardina del Norte, foi ferido dun disparo nun enfrontamento coa policía. Comezou nese momento un longo periplo carcerario. Polas súas protestas e capacidade de loita para mellorar as condicións das cadeas franquistas, converteuse nun preso case lendario.

    De Redondo Abuín, Manuel Amor Deus dicía que «o coñecían todos os directores de prisións de España, e en canto miraban o seu expediente botaban as mans á cabeza. De feito, de El Puerto mandárono a Jaén e de alí a Pontevedra; en Jaén só estivo 24 horas. O director non quería saber nada. Era un preso conflitivo. É un home íntegro, posiblemente o home máis honesto que coñezo, e coñezo moitos, pero Abuín é tan honesto que, ás veces, resulta incómodo».

    Xa en liberdade definitiva, Xesús Redondo Abuín foi membro da primeira Comisión Executiva do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e mantivo a súa vinculación co sindicato nas seguintes décadas, ademais de participar de movementos sociais e políticos. Que a terra lle sexa leve.