Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

CCOO participa en Matosinhos na apertura do programa de traballo 2026-2028 de EURES-T Norte de Portugal-Galicia

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, participou hoxe en Matosinhos, como presidenta do Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal (CSIr G-NP), na sesión de apertura do programa de traballo 2026-2028 de EURES-T Norte de Portugal-Galicia, promovido pola Associação Empresarial de Portugal (AEP).

    30/09/2026.
    Intervención de Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO, na reunión do EURES-T

    Intervención de Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO, na reunión do EURES-T

    A sesión, que leva por lema «Eurorrexión: unha opción para estudar e traballar», reúne representantes das entidades participantes no programa para presentar as actividades que desenvolverán ao longo do bienio.

    Durante a súa intervención, a dirixente sindical salientou que a prioridade de CCOO é que a mobilidade laboral na Eurorrexión se desenvolva con totais garantías para as persoas traballadoras. «A nosa meta é irrenunciable: consolidar un mercado laboral transfronteirizo xusto, seguro e con plenos dereitos», afirmou.

    A presidenta do CSIr G-NP puxo o foco nos obstáculos que aínda afrontan as persoas que traballan a ambos os lados da fronteira, tanto no ámbito laboral como no das prestacións sociais e a tributación. Neste sentido, defendeu reforzar a cooperación entre as institucións e organismos competentes para evitar situacións de desprotección ou confusión derivadas das diferenzas normativas entre Galicia e Portugal.

    Entre as prioridades do novo programa está tamén a consolidación da rede de asesoramento especializado en dereitos laborais transfronteirizos. CCOO aposta por reforzar a colaboración entre os asesores sindicais especializados e os profesionais de EURES-T para lles ofrecer ás persoas traballadoras «respostas unificadas, áxiles, rigorosas e expertas» a través do servizo de xanela única (One Stop Shop).

    Máis cooperación sindical e institucional

    O plan de traballo inclúe varias xornadas técnicas e de intercambio de coñecemento. Entre elas están os encontros coas Inspeccións de Traballo e Seguridade Social de Galicia e Portugal, nos que CCOO propón ampliar a participación aos avogados e avogadas das organizacións sindicais e ás organizacións empresariais.

    Tamén se desenvolverán xornadas específicas de avogacía sindical para analizar as novidades lexislativas que se produzan en España e Portugal e o seu impacto sobre as persoas traballadoras transfronteirizas.

    Outro dos eixes será o traballo con delegados e delegadas sindicais da Eurorrexión, con espazos específicos para abordar cuestións como a situación laboral das mulleres e a fenda de xénero transfronteiriza, a saúde laboral e a prevención de riscos, as diferenzas nos salarios mínimos, o teletraballo transfronteirizo ou o impacto da intelixencia artificial no ámbito laboral.

    O programa inclúe tamén un encontro dos Consellos Sindicais Interrexionais de España e Portugal, no que participarán representantes do CSIr Galicia-Norte de Portugal e doutros CSIr hispano-portugueses. A iniciativa permitirá compartir as distintas realidades laborais fronteirizas e intercambiar experiencias e boas prácticas.

    O EURES-T: unha ferramenta práctica

    Amelia Pérez reivindicou o papel do EURES-T como unha ferramenta práctica para mellorar as condicións das persoas traballadoras que cruzan a fronteira. «Entendemos a presidencia de EURES Transfronteirizo non como unha posición de status ou un espazo de simple xestión, senón como unha ferramenta útil e de transformación social práctica», afirmou.

    A secretaria xeral de CCOO Galicia animou, finalmente, as entidades participantes a implicarse no desenvolvemento do programa para facer da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal un espazo de referencia en materia de dereitos e cooperación laboral.