Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

A F10M recupera a edición facsímile de «Alborada», a primeira publicación clandestina de mulleres en Galicia baixo o franquismo

    A Fundación 10 de Marzo e a editorial Andavira presentaron o mércores, 30 de setembro, a edición facsímile da revista Alborada, unha publicación clandestina realizada en Vigo por mulleres do Partido Comunista de Galicia (PCG) en 1966. O acto tivo lugar na Fundación Eugenio Granell, en Santiago de Compostela, e contou coas intervencións de Emilio Crespo, secretario da F10M; Jacobo Bermejo, de Andavira Editora; María Lopo, coordinadora da edición, e Concha Lago, militante antifranquista e unha das persoas responsables da creación do Movemento Democrático de Mulleres.

    01/10/2026.
    Presentación edición facsímile da revista 'Alborada'. De esq. a der., Emilio Crespo (F10M), María Lopo, Jacobo Bermejo (Andavira) e Concha Lago

    Presentación edición facsímile da revista 'Alborada'. De esq. a der., Emilio Crespo (F10M), María Lopo, Jacobo Bermejo (Andavira) e Concha Lago

    A importancia de Alborada resulta «historicamente excepcional», segundo se destacou, pois trátase, case con toda probabilidade, da primeira publicación clandestina realizada por mulleres en Galicia baixo a ditadura franquista. Ademais, os dous números que puideron ver a luz antes da caída da súa rede clandestina reveláronse dunha calidade e unha modernidade «extraordinarias».

    A edición presentada pola Fundación 10 de Marzo recupera estes dous exemplares e reprodúceos de forma facsimilar. Os orixinais están depositados no Arquivo Histórico do PCE, en Madrid. A publicación inclúe tamén os índices da revista e a transcrición dos artigos, facilitando así o acceso a un material fundamental para a recuperación da memoria da participación das mulleres na loita contra a ditadura.

    Unha edición no 60 aniversario de 'Alborada'

    A Fundación 10 de Marzo, completando o seu labor editorial iniciado en 2020, decidiu producir esta edición facsímile de Alborada con motivo do 60.º aniversario da publicación. A iniciativa dá continuidade ao traballo de recuperación da figura de Palmyre Ros, galardoada do Premio 10 de Marzo en 2020 e impulsora da revista.

    O volume incorpora dous estudos: «A revista viguesa Alborada. Un proxecto pioneiro de prensa clandestina de mulleres», de María Lopo, coordinadora da edición, e «Da "cuestión da muller" á "liberación da muller"», de Víctor Manuel Santidrián Arias.

    A recuperación de Alborada pretende honrar e difundir o traballo pioneiro das mulleres que fixeron posible a publicación e contribuír a tecer novas redes de solidariedade que recuperen esta filiación feminina, raíz dos feminismos, xurdida do encontro de persoas libres, comprometidas e antifranquistas no Vigo de 1966. A edición recupera tamén unha cita da resistente antifascista Lucie Aubrac, especialmente querida por Palmyre Ros: «O verbo resistir sempre debe conxugarse en presente».