Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

O metal de Lugo sae á rúa contra o bloqueo dos convenios e mantén as folgas do 14 e 21 de outubro

    Traballadores e traballadoras do sector do metal participaron o xoves, 1 de outubro, na mobilización convocada por CCOO, CIG e UGT no polígono do Ceao para reclamar avances na negociación dos convenios colectivos do siderometal e do comercio do metal da provincia de Lugo.

    02/10/2026.
    Manifestación en Lugo polo desbloqueo dos convenios do metal (1 de outubro de 2026)

    Manifestación en Lugo polo desbloqueo dos convenios do metal (1 de outubro de 2026)

    A mobilización produciuse despois de oito reunións da mesa negociadora e máis de sete meses de negociación, sen que se producisen avances suficientes para desbloquear os convenios. Desde os sindicatos afírmase que o mandato trasladado polas diferentes asembleas de persoal que tiveron lugar na provincia foi «contundente»: se non había avances rápidos e concretos, era preciso mobilizarse.

    E así foi. A protesta percorreu parte da avenida principal do parque empresarial, onde se sucederon as proclamas reivindicativas e foi necesario desviar o tráfico nun dos sentidos da vía. Ao longo do percorrido fóronse incorporando máis traballadores e traballadoras á mobilización, que tamén deu unha volta arredor dunha das rotondas de acceso ao polígono, provocando algunhas retencións.

    A concentración prolongouse durante case unha hora, entre proclamas como «a loita é o único camiño», «salario digno e non de lixo» ou «se sobe o IPC, os salarios tamén».

    A patronal, sen propostas

    Na reunión do pasado 25 de setembro, a patronal non presentou novas propostas económicas nin unha proposta concreta sobre a redución da xornada, segundo sinalan as organizacións sindicais. Neste contexto, a parte social decidiu activar o calendario de mobilizacións.

    As principais reivindicacións refírense aos salarios, a xornada laboral e a cobertura das baixas médicas, aínda que a plataforma sindical incorpora un conxunto máis amplo de demandas.

    En concreto, os sindicatos reclaman unha suba salarial do 7 % para cada ano de vixencia do convenio, xunto cunha cláusula de revisión anual vinculada ao IPC máis un punto para preservar o poder adquisitivo. Tamén propoñen reducir a xornada laboral nun día por ano a partir de 2027, ampliar a cobertura durante as baixas médicas, mellorar os permisos e incorporar novas medidas en materia de prevención e seguridade, así como actuacións para combater a precariedade laboral.

    Desde os sindicatos ponse especialmente o foco na perda de poder adquisitivo derivada do incremento do custo da vida, nun contexto no que, segundo se manifestou nas asembleas, cada vez resulta máis difícil chegar a final de mes mesmo para persoas con longa traxectoria no sector.

    A negociación acumula atraso

    As organizacións sindicais sinalan, ademais, que a negociación do convenio na provincia de Lugo acumula un atraso maior respecto doutras provincias galegas, ao se iniciar en Lugo no mes de abril, mentres que noutros territorios comezara xa en novembro do ano pasado.

    A mobilización deste 1 de outubro forma parte do calendario acordado polas asembleas ante a falta de avances substanciais na negociación. A mesa volverá reunirse o 9 de outubro e, se nese encontro non se producen movementos significativos, CCOO, CIG e UGT manteñen convocadas dúas xornadas de folga para os días 14 e 21.