Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

CCOO fai unha valoración negativa dos datos do paro e reclama un cambio de modelo para crear emprego de calidade

    Os datos coñecidos hoxe indican que, en setembro, o paro rexistrado medrou en Galicia en 2746 persoas, un 2,5 %, un punto por riba do rexistrado no conxunto do Estado. A afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha perda de 4798 afiliados e afiliadas (–0,4 %), mentres no Estado medra un 1,2 %. Considerando os datos da afiliación media mensual, esta diminúe en 6516 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior (–0,6 %), cando no Estado sobe un 0,4 %. Con estes datos, Galicia é a terceira comunidade autónoma onde máis medra o paro.

    02/10/2026.
    Galicia é a terceira comunidade onde máis sobre o paro ao remate do mes de setembro

    Galicia é a terceira comunidade onde máis sobre o paro ao remate do mes de setembro

    A secretaria de Organización de CCOO, Maica Bouza, explica que se trata duns datos «que se reproducen cada mes de setembro cando remata a temporada de verán», pois sobe o paro pola caída da contratación nos servizos ligados fundamentalmente á estacionalidade. «Nin o modelo perverso de contratación no sistema educativo, que dá de baixa o persoal ao remate do curso académico e o recupera ao inicio, consegue compensar a caída dos sectores dos servizos máis volubles», subliña a sindicalista.

    Por esta razón, Comisións Obreiras reitera que Galicia «necesita algo máis que turismo precario» para medrar e crear emprego de calidade. «Cómpre apostar por un sector industrial forte e un sector dos servizos de alto valor engadido e non conxuntural», explica Bouza.

    Por este motivo, o sindicato reclámalle ao presidente da Xunta «que goberne Galicia para que os galegos e galegas poidan traballar e vivir con dignidade». Neste contexto, os orzamentos da Xunta para 2027, «dos que aínda nin se fala», deben responder ás necesidades de Galicia e da cidadanía galega: emprego e calidade de vida.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 45 825 homes (+1544) e 66 612 mulleres (+1202). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres, perpetuándose un mes máis a desigual situación de homes e mulleres no mercado laboral. Atendendo ás idades, hai 5686 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (+901) e 106 751 maiores desa idade (+1485).

    O paro medra en todos os sectores de actividade, agás na construción, que se reduce simbolicamente nunha persoa: no primario hai 226 persoas desempregadas máis, na industria 130 e nos servizos 1574. O colectivo sen emprego anterior crece en 817 persoas.

    Análise da contratación

    En setembro rexistráronse en Galicia 76 930 contratos, dos cales 53 145 foron temporais e 23 785 indefinidos. O volume de contratos rexistrados foi superior nun 19,8 % aos formalizados no mes precedente. Con estes datos, a contratación indefinida sobe un 44,7 %, mentres que a temporal o fai nun 11,3 %. De cada dez contratos rexistrados, tres son indefinidos, mentres que no Estado son catro de cada dez.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación cae en 4798 persoas, ata situarse en 1 117 018 afiliados e afiliadas (–0,4 %), malia que no Estado sobre un 1,2 %. Doutra banda, a afiliación media mensual redúcese en 6516 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 127 967. Deste total, 905 334 corresponden ao réxime xeral, 204 946 ao de autónomos e 17 687 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia diminúe un 0,6 % (+0,4 % a nivel estatal).

    Tendo en conta a evolución da afiliación nos réximes xeral e autónomos, compróbase que no mes de setembro as actividades en que máis emprego se perde son a hostalaría (–6106), o comercio (–3181), a sanidade e servizos sociais (–1670) e as Administracións públicas (–1532). Pola contra, créase na educación (+4269) e no ámbito administrativo (+2453).

    Prestacións por desemprego

    En setembro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 81 713 persoas: 43 785 prestacións contributivas e 37 928 subsidios. Por último, canto aos ERTE do mes de setembro, o número de traballadores e traballadoras afectados ascende a 395 a final do mes, das cales 342 estaban en ERTE ETOP e 53 en ERTE por forza maior.