Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2026.

CCOO, UGT e CIG anuncian novas mobilizacións ante o bloqueo do convenio de transporte de mercadorías por estrada da Coruña

    CCOO, UGT e CIG anunciaron esta mañá novas mobilizacións ante o bloqueo da negociación do convenio colectivo de transporte de mercadorías por estrada da provincia da Coruña, despois de que a mesa negociadora quedara rota pola falta de avances coa patronal. As organizacións sindicais reclaman incrementos salariais que permitan recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos, así como avances na xornada e na remuneración dos diferentes tempos de traballo no sector. Por este motivo, haberá concentracións os días 9 de outubro en Santiago, o 15 na Coruña e o 22 en Narón.

    02/10/2026.
    No centro, Jorge García, secretario comarcal da FSC-CCOO, durante a presentación das mobilizacións

    No centro, Jorge García, secretario comarcal da FSC-CCOO, durante a presentación das mobilizacións

    Na conferencia de prensa celebrada este venres na Coruña, o secretario xeral do Sindicato Comarcal da Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO, Jorge García Arribas, lembrou que o sector arrastra desde hai anos unha importante perda de poder adquisitivo. Segundo explicou, nos últimos trece anos a diferenza entre a evolución dos salarios e o IPC sitúase arredor dun 15 %.

    O sindicalista lembrou que no ano 2025 as organizacións sindicais conseguiron un incremento salarial do 4 % e que as pagas extraordinarias pasaran de 25 a 30 días. A intención era pechar daquela unha negociación rápida e retomar en 2026 a negociación dun convenio plurianual que permitise abordar tanto os salarios como a xornada e o resto das condicións laborais. Porén, as reunións coa patronal non permitiron avanzar, pois «a mesa está partida» porque a representación empresarial non acepta as reivindicacións sindicais. «Non estamos pedindo cousas doutro mundo, senón que queremos que a xente non perda capacidade adquisitiva», subliñou.

    Entre as principais discrepancias figura a proposta económica da patronal, que os sindicatos consideran insuficiente ante a evolución dos prezos. As organizacións sindicais reclaman unha actualización salarial que permita recuperar poder adquisitivo e rexeitan unha proposta do 3 % fronte a un IPC que xa está no 4,9 %. Tamén reclaman que as melloras teñan efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2026.

    Adaptar o convenio á realidade

    Desde os tres sindicatos sinalaron que a negociación debe servir tamén para adaptar o convenio á realidade do sector, pois existe unha importante diferenza entre os salarios establecidos no convenio e os que, na práctica, deben ofrecer algunhas empresas para conseguir persoal. Isto pode provocar que parte das cantidades percibidas non estean correctamente reflectidas nas cotizacións. Por iso, defenden que os salarios reais se incorporen ao convenio e sexan cotizados.

    A xornada é outra das cuestións centrais da negociación. Os sindicatos denuncian que o sector está sometido a unhas condicións específicas derivadas do réxime de xornadas especiais do transporte, polo que determinados tempos nos que as persoas traballadoras deben permanecer á disposición da empresa non computan como xornada efectiva. Por iso, entre as reivindicacións figura a creación dun complemento de presenza que remunere estes tempos.

    As organizacións sindicais reclaman tamén que se remunere o traballo en horarios especialmente gravosos. En particular, denuncian que a patronal non acepta o aboamento da nocturnidade nin do traballo en domingos, malia que se trata de situacións habituais no sector.

    CCOO salienta a importancia do sector

    Jorge García Arribas sinalou que «a xente se está xubilando» e que non existe remuda suficiente entre as persoas máis novas, unha situación que, ao seu xuízo, pode acabar xerando problemas para garantir a distribución das mercadorías.

    «É un sector moi importante para a economía dun país», destacou o voceiro de CCOO, apuntando que a actividade económica depende de que as mercadorías poidan chegar aos seus destinos. Neste sentido, advertiu de que as condicións laborais actuais están dificultando a incorporación de novas persoas traballadoras.

    Novas mobilizacións en outubro

    Ante o bloqueo da negociación, CCOO, UGT e CIG acordaron retomar as mobilizacións, que comezarán o venres 9 de outubro, ás 11:00 horas, en Santiago, no polígono do Tambre —á altura da coñecida como rotonda da Donuts—. A seguinte concentración será o xoves 15, na Coruña, no polígono de Agrela —confluencia da rúa Galileo Galilei con José María Rivera Corral—. Finalmente, o xoves 22 de outubro, a protesta terá lugar na porta de TAT, na rúa Ferreiros do polígono do Río do Pozo, en Narón. Todas as mobilizacións se serán ás 11:00 horas.

    Durante este período, as organizacións sindicais desenvolverán tamén unha campaña informativa e formativa entre o persoal do sector, con repartición de materiais e asembleas para explicar as reivindicacións e preparar as seguintes fases do conflito.

    Os sindicatos advertiron de que, se a patronal non retoma a negociación con disposición a alcanzar avances, o conflito poderá escalar. «Se non hai previamente algún tipo de negociación e algún tipo de acordo ou avance», explicou o voceiro de CCOO, realizaranse asembleas co persoal para decidir «mobilizacións doutro tipo que impliquen paros».