Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

CCOO rexeita o pacto de UGT no comercio de alimentación en Lugo ao consolidar a desigualdade co resto de Galicia

    Logo de coñecer o acordo a través dun comunicado distribuído por UGT, CCOO-Servizos manifesta o seu absoluto rexeitamento ao pacto acadado no convenio colectivo do comercio de alimentación da provincia de Lugo. O sindicato denuncia que, unha vez máis, como xa sucedeu en 2023, UGT opta por pechar un acordo insuficiente, que non responde ás necesidades reais das traballadoras e dos traballadores do sector.

    09/10/2026.
    Na fotografía, mobilización do comercio de alimentación de Lugo

    Na fotografía, mobilización do comercio de alimentación de Lugo

    Resulta especialmente grave que o acordo se acadara sen convocar unha reunión da mesa negociadora na que todas as organizacións presentes puidesen coñecer as posicións definitivas das partes e defender as súas propostas. Unha vez máis, CCOO non foi convocada a unha reunión final antes do peche do convenio, unha forma de actuar que, lamentablemente, parece converterse en habitual nas relacións entre UGT e a CEL na provincia de Lugo.

    A negociación colectiva debe desenvolverse con transparencia, respecto polas organizacións presentes na mesa e participación de todas as partes ata o final do proceso. Non é aceptable reducir as mesas negociadoras a un mero trámite para, posteriormente, adoptar decisións á marxe delas.

    Ademais, pérdese unha nova oportunidade para avanzar cara á equiparación das condicións laborais do comercio de alimentación en toda Galicia. Mentres noutras provincias se acadaron melloras salariais e sociais de maior alcance, os cadros de persoal de Lugo seguirán situados entre os que perciben salarios máis baixos e contan con peores condicións laborais no sector.

    O acordo afonda así nun modelo de negociación baseado na aceptación de condicións de mínimos, no canto de apostar por un proceso de converxencia que permita que as persoas traballadoras de Lugo teñan os mesmos dereitos ca as súas compañeiras e compañeiros da Coruña, Pontevedra ou Ourense.

    Non se trata dun feito illado. Nos últimos meses, UGT subscribiu o convenio do comercio téxtil de Lugo con condicións inferiores ás existentes noutros ámbitos do sector; asinou o convenio de oficinas e despachos tras un proceso negociador no que CCOO quedou excluída e no que se aceptou a desaparición da xeración de novos trienios; e agora repite a mesma fórmula no comercio de alimentación.

    O sindicato respecta as decisións das organizacións asinantes, pero considera lexítimo preguntarse por que, cada vez que existe a oportunidade de loitar por unha mellora substancial das condicións laborais na provincia, UGT rompe a unidade sindical e acaba aceptando acordos que consolidan as diferenzas co resto de Galicia.

    As traballadoras e os traballadores do comercio de alimentación de Lugo merecían máis: un convenio que permitise avanzar cara á igualdade salarial e social co resto do país, non un acordo que perpetúe unha situación de desvantaxe histórica.

    Por iso, CCOO continuará defendendo o principio de igual traballo, iguais dereitos e igual salario, e seguirá loitando para que as persoas traballadoras de Lugo deixen de ser tratadas como traballadoras e traballadores de segunda dentro do sector da alimentación galega.