Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

CCOO e a Fundación 10 de Marzo colaboran no Conversatorio interxeracional sobre a folga xeral de Vigo de 1972

    O encontro reuniu no MARCO de Vigo a persoas que viviron aquelas xornadas e a alumnado de bacharelato para conversar sobre a loita, a represión, a solidariedade e a memoria da folga xeral viguesa. 

    09/10/2026.
    Conversatorio interxeracional (folga xeral de Vigo de 1972)

    Conversatorio interxeracional (folga xeral de Vigo de 1972)

    «Cando comezou este proxecto sobre a folga xeral de Vigo de 1972, aínda non se falaba da folga xeral do 11 de novembro». Son palabras de Esther Carrodeguas, directora de Barrios en loita: 1972, no Conversatorio interxeracional celebrado o 8 de outubro no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo.

    1972 é unha experiencia colectiva producida por Teatro del Barrio dentro da celebración de “España en libertad. 50 anos” (Secretaría de Estado de Memoria Democrática). O seu obxectivo é investigar dende a escena a folga xeral de Vigo de 1972. Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira (Compañía ButacaZero), acompañados dun equipo de profesionais do mundo escénico, son os responsables deste proxecto multidisciplinar.

    A Secretaria Xeral da Unión Comarcal de CCOO de Vigo a a Fundación 10 de Marzo, vinculada a CCOO, participou na actividade integrada no proxecto escénico 1972.

    As actividades que compoñen o proxecto son tres: un faladoiro interxeracional (8.10.2026), un roteiro polos lugares de memoria relacionados coa folga viguesa de 1972 (11.10.2026) e, finalmente, a presentación dunha mostra do traballo que terá lugar os días 12 e 13 de novembro na Sala Ártika de Vigo, que colabora co proxecto.

    No Conversatorio interxeracional tomaron a palabra veteranos sindicalistas de CCOO e loitadores antifranquistas: Hixinio Leirós, Carlos Núñez, Juan Benavides e Arturo Correa. No escenario estivo tamén presente Emilio Crespo, da Fundación 10 de Marzo, quen, daquela estudante, participou nas mobilizacións.

    Todos eles falaron da intensidade e da duración dunha folga xeral que paralizou a cidade de Vigo durante moitos días. Destacaron a dureza dun conflito que deixou sen salario a moitas familias, posto que os despedimentos foron moi numerosos; rememoraron a represión policial, pero tamén a solidariedade da cidadanía e a necesidade da memoria e da lembranza. Insistiron na necesidade de organización e na defensa das conquistas laborais, sociais e políticas, que nunca están a salvo: a democracia gañouse nas rúas e nas rúas hai que defendela.

    Despois das intervencións dos protagonistas veu a quenda da mocidade presente, alumnado de bacharelato co que Esther Carrodeguas leva semanas traballando. Manifestaron as súas gañas de saber sobre a loita clandestina, sobre a importancia da comunicación e sobre as repercusións persoais do conflito.

    Juan Benavides puxo fin ao acto co recitado do poema «Un duro al año», de Eusebio Blasco.