Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

CCOO denuncia que os bombeiros forestais de Chantada seguen sen instalacións dignas despois de seis anos

    Comisións Obreiras (CCOO) denuncia que os bombeiros forestais de Chantada seguen traballando en instalacións con pingueiras, sen vestiarios axeitados e cunha única ducha compartida por homes e mulleres. Esta situación prolóngase malia que hai seis anos que se puxo en coñecemento da Inspección de Traballo.

    13/10/2026.
    CCOO esixe trasladar o punto de encontro do distrito forestal polas malas condicións

    CCOO esixe trasladar o punto de encontro do distrito forestal polas malas condicións

    O sindicato esíxelle á Consellaría do Medio Rural unha solución definitiva para unhas deficiencias de seguridade e saúde laboral identificadas hai xa unha década. En todo este tempo, o persoal recibiu «promesas» que non se traduciron nas melloras reclamadas.

    En 2016, o servizo de prevención realizou unha avaliación de riscos do punto de encontro, situado na rúa do Rego, na que se identificaban múltiples eivas e se establecían medidas correctoras con prazos concretos. Entre elas figuraban a falta de armarios suficientes, a non separación entre a roupa de traballo e a de rúa, o uso do garaxe como vestiario, problemas nas condicións ambientais e de iluminación de emerxencia, así como riscos relacionados cos gases dos vehículos estacionados. Tamén se advertía das dificultades de acceso e saída dos vehículos motobomba de emerxencia.

    En 2019, o comité de empresa reclamou medidas correctoras e unha nova avaliación de riscos. Ante a falta de resposta, xa en 2020, CCOO trasladou a situación á Inspección de Traballo, denunciando que non se executaran a avaliación e o plan de acción elaborados catro anos antes e que as instalacións incumprían as disposicións mínimas de seguridade e saúde laboral.

    Seis anos despois da denuncia, as deficiencias continúan sen se resolver. No punto de encontro traballan persoas do Servizo Público de Incendios Forestais (SPIF) de distintas categorías e quendas, cun servizo que se mantén as 24 horas. A denuncia presentada ante a Inspección identificaba 35 persoas traballadoras vinculadas ao centro.

    «É difícil explicar que unha Administración que presume de ter un dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais non sexa capaz de garantir unhas condicións básicas para o persoal que forma parte dese dispositivo», sinala CCOO.

    Seis anos sen alternativas

    Tras a negativa da propiedade do inmoble a realizar as actuacións necesarias, a Consellaría estudou alternativas para trasladar o punto de encontro. Primeiro valorouse utilizar un soar cedido polo Concello de Chantada no polígono industrial e, posteriormente, buscouse unha nave en alugueiro. Porén, ningunha destas opcións se materializou.

    Para CCOO, non se trata de reclamar instalacións extraordinarias, senón de garantir as condicións mínimas necesarias para desenvolver unha actividade esencial e especialmente perigosa. Por todo isto, reclámalle á Consellaría do Medio Rural que actúe decontado e cumpra coas súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais.