Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

CCOO mobilizouse este xoves na Coruña para esixirlle á banca melloras nas condicións laborais dos seus cadros de persoal

    A Federación de Servizos de CCOO (CCOO-Servizos) mobilizouse este xoves na Coruña para esixirlle á banca melloras nas condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras. Con este obxectivo, convocou concentracións diante de oficinas de CaixaBank, BBVA, Banco Santander, Banco Sabadell e Abanca. 

    15/10/2026.
    Mobilización do sector financeiro de CCOO (A Coruña, 15/10/2026)

    Mobilización do sector financeiro de CCOO (A Coruña, 15/10/2026)

    O sindicato reprocha que mentres a banca española pechou o 2025 con máis de 36 000 millóns de euros de beneficios, medra o benestar entre os cadros de persoal pola presión comercial e a deterioración do ambiente laboral, segundo os resultados dunha ampla enquisa realizada por CCOO.

    De feito, a protesta na Coruña desenvolveuse entre consignas como «moito beneficio / o noso sacrificio» ou «abonda xa de presións ao persoal», que precisamente resumían as principais reivindicacións de CCOO, que reclama incrementos salariais, máis tempo para a vida persoal, a remuda xeracional e a creación de emprego. Tamén unha retribución variable xusta, transparente e negociada, así como a fin da presión comercial e garantías reais fronte ao impacto da intelixencia artificial.

    Comisións tamén pide a apertura inmediata dos observatorios da banca e do aforro, e da comisión paritaria de rurais, para poder chegar a compromisos concretos antes da negociación dos convenios colectivos —prevista a partir de marzo de 2027.

    As mobilizacións terán continuidade o vindeiro 4 de novembro, no marco da campaña de presión ao sector financeiro. Esta tamén se encadra nun outono de reivindicacións que culminará o 11 dese mes, no contexto da folga xeral convocada a nivel estatal para reclamar salarios dignos, vivenda e condicións de vida xustas.