Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

A folga do comercio de alimentación da Coruña roldou o 80% de seguimento entre o persoal fixo

    A terceira xornada de folga no comercio de alimentación da provincia da Coruña rexistrou este martes un seguimento de entre o 70 e o 80 % entre o persoal fixo, segundo os datos de CCOO. A convocatoria, impulsada xunto aos sindicatos UGT e CIG, envioulle unha mensaxe á patronal para que desbloquee as negociacións do convenio.

    13/10/2026.
    Concentración diante dun supermercado Gadis durante a folga do comercio de alimentación

    Concentración diante dun supermercado Gadis durante a folga do comercio de alimentación

    O responsable do sector de Comercio de CCOO, José Ramón Romero, destaca que o seguimento mantivo a tendencia das anteriores xornadas de paro. Segundo explicou, a presenza de persoal eventual condiciona os datos globais de participación, pero a folga tivo unha repercusión importante. «As tendas non están funcionando», resumiu, en referencia á falta de persoal nos establecementos que secundaron o paro.

    Segundo Romero, malia a falta de persoal para manter a actividade habitual, as empresas mantiveron a decisión de abrir os centros, apoiándose en persoal de seguridade, efectivos da Policía Nacional e directivos.

    Salarios insuficientes e negociación bloqueada

    A negociación do convenio continúa bloqueada e, segundo CCOO, non hai contactos entre as partes. O sindicato reclamoulle á patronal que retome o diálogo e mellore as propostas para evitar que o conflito chegue sen solución á campaña de Nadal.

    Romero subliña que a reivindicación central é mellorar unhas retribucións que considera insuficientes para vivir con dignidade. Mesmo nas mellores condicións, unha persoa que traballa a xornada completa pode percibir ao redor de 1100 euros netos ao mes. «O problema é que a nómina a fin de mes resulta totalmente insuficiente», insiste.

    Diferenzas entre provincias

    O sindicalista pon tamén o foco nas diferenzas salariais entre as provincias da Coruña e Pontevedra. Nesta última, mesmo sendo tamén baixos os salarios, mantense o complemento de antigüidade, que permite incrementar as retribucións por cada cuadrienio.

    CCOO considera que as empresas deben contribuír a mellorar as condicións laborais e salariais do persoal, especialmente nun sector no que o trato directo e a atención nas distintas seccións son fundamentais para a relación de confianza coa clientela.

    Denuncia de Gadis

    A denuncia presentada por Gadis contra a acción sindical é outro dos elementos que, segundo Romero, se suman ao conflito, e continúa pendente. O sindicato insiste en que a disputa non responde a un enfrontamento político coas empresas, senón á necesidade de mellorar as condicións económicas das persoas traballadoras.