Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

CCOO destaca os avances salariais e laborais do novo convenio de hostalaría da Coruña

    A Federación de Servizos de CCOO valora positivamente o acordo logrado este luns na mesa de negociación do convenio colectivo de hostalaría da provincia da Coruña. O novo texto, asinado tanto polas organizacións patronais como polos tres sindicatos —CCOO, CIG e UGT—, establece un marco de estabilidade para o sector e incorpora melloras salariais, organizativas e laborais para as persoas traballadoras.

    19/10/2026.
    Mobilización sindical en defensa dun convenio xusto na hostalaría (A Coruña, agosto do 2025)

    Mobilización sindical en defensa dun convenio xusto na hostalaría (A Coruña, agosto do 2025)

    Para CCOO, este acordo supón un avance nas condicións laborais e salariais para as traballadoras e traballadores da hostalaría, especialmente pola incorporación dunha cláusula de revisión salarial vinculada ao IPC e polas melloras introducidas na organización dos horarios.

    Precisamente, a dita cláusula é unha das principais melloras, xa que garante o poder adquisitivo das persoas traballadoras. Esta referencia ao IPC non terá límite máximo e implicará, tamén, o aboamento dos atrasos correspondentes.

    Canto aos incrementos salariais, pactáronse subas do 3 % en 2026, do 3,5 % en 2027, do 3 % en 2028 e do 3,25 % en 2029. Ademais, coa nómina de outubro de 2026 aboarase unha paga extraordinaria lineal de 500 euros. Os atrasos correspondentes ao 2026 pagaranse coa nómina de decembro, unha vez que se coñeza o IPC definitivo dese ano, para axustar as diferenzas que correspondan.

    Novos dereitos

    O acordo crea tamén un plus de transporte de 30 euros mensuais, aplicable desde o 1 de outubro de 2026, e amplía o ámbito funcional do convenio para incluír expresamente as vivendas de uso turístico (VUT), ás que se aplicarán as táboas salariais correspondentes aos hoteis de tres estrelas.

    No ámbito da organización do traballo e da conciliación, establécese a obriga de publicar os calendarios e horarios semanais cunha antelación mínima de 15 días, co obxectivo de facilitar a planificación persoal e familiar.

    O convenio mantén o complemento por incapacidade temporal (IT), agás nos casos de finalización de contrato temporal e exclusivamente cando se trate de enfermidade común. Así mesmo, redúcese de 20 a 15 días o prazo de preaviso nos cesamentos voluntarios.