Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

Os datos de sinistralidade laboral poñen en cuestión o plan de baixas da Xunta: 742 accidentes investigados en Galicia e tres millóns en sancións, máis do dobre ca o ano anterior

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia cuestiona o plan da Xunta para combater o «absentismo» laboral. Faino á luz dos datos oficiais da Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS), que recolle un total de 742 accidentes investigados en Galicia en 2025 e 2,9 millóns de euros en sancións propostas en relación con estes sinistros, un 133,6 % máis ca en 2024.

    21/10/2026.
    Os datos desmenten o relato da Xunta e poñen de relevo a fraude empresarial

    Os datos desmenten o relato da Xunta e poñen de relevo a fraude empresarial

    O sindicato reclama deixar de criminalizar as persoas que enferman e priorizar a prevención de riscos laborais, o reforzamento do Sergas e da Inspección de Traballo para garantir a saúde e a seguridade da clase traballadora.

    Para CCOO, os datos son «demoledores» e constitúen a certificación de que o «Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia (2026-2029)», impulsado pola Xunta de Galicia e apoiado pola CEG e UGT, «partía dunha premisa errada e, polo tanto, non vai á raíz do problema».

    O enfoque da Xunta e das organizacións que a apoiaron «criminaliza» as persoas traballadoras de baixa médica facendo un uso distorcido da etiqueta «absentismo». O secretario de Saúde Laboral do sindicato, Armando Iglesias, é contundente: «A realidade das estatísticas desmonta o relato; mentres se sinala as persoas traballadoras que enferman, as empresas galegas acumulan incumprimentos millonarios e os accidentes laborais mortais seguen sendo unha “epidemia”».

    O informe da ITSS baséase na investigación de 742 accidentes de traballo —excluídos os in itinere, producidos ao ir ou regresar do lugar de traballo—. Esta cifra foi un 3,9 % maior ca no 2024, cando se rexistraran 714. Por provincias, A Coruña rexistrou 357 investigacións por accidentes, Pontevedra 225, Lugo 101 e Ourense 59. Segundo datos do propio Instituto de Seguridade de Saúde Laboral de Galicia (ISGGA), foron 48 as vítimas mortais en sinistros laborais o ano pasado.

    A investigación pon de manifesto que os incumprimentos empresariais están moi relacionados coa sinistralidade, detectándose 282 infraccións vinculadas a accidentes, case un 23 % máis ca no exercicio anterior, e —como se indicou— formuláronse sancións por case tres millóns de euros.

    Segundo a ITSS, Galicia foi a comunidade en que máis aumentou o importe das sancións propostas por incumprimentos empresariais nesta materia. Ademais, foi a quinta comunidade con máis infraccións, só por baixo de Cataluña, Andalucía, Valencia e Madrid —todas elas con máis poboación—, e a sexta en accidentes investigados, superada polas anteriores e ademais por Castela e León.

    Por outra parte, realizáronse máis de 31 000 actuacións en materia de prevención de riscos laborais, que deron lugar a 15 285 requirimentos, 1125 infraccións e sancións de máis de catro millóns, ademais de 302 propostas de recarga de prestacións após detectarse falta de medidas de seguridade.

    «É obsceno que se criminalice a quen enferma ou se accidenta, cando os datos demostran que as empresas galegas non cumpren coa súa obriga de protexer a vida do seu persoal», abunda Iglesias.

    A fraude está nas empresas

    Para o sindicalista, «os datos demostran que a fraude non está nas persoas traballadoras, senón nas empresas»: en toda España acumularon sancións por máis de 30 millóns debido a incumprimentos en materia de prevención e aproximadamente 2,54 millóns de horas extra non pagadas á semana, o que equivale a case 130 millóns de horas non remuneradas ao ano.

    Canto ao absentismo real, o non xustificado, apenas representa o 0,13 % da xornada laboral —12 minutos ao mes—, segundo os datos da máis recente enquisa trimestral de custo laboral. Porén, as empresas galegas deben miles de euros por non pagar horas extras, non cotizar ou non garantir a seguridade. «Quen é o verdadeiro defraudador do sistema», cuestiona o secretario de Saúde Laboral de CCOO.

    As verdadeiras causas das baixas médicas

    CCOO denuncia que o Plan da Xunta se constrúe sobre unha «definición errónea e interesada» que equipara as ausencias xustificadas —incapacidade temporal, maternidade, permisos, formación, crédito sindical— co absentismo. «Non é absentismo exercer un dereito», aclara Iglesias, e argumenta co informe da ITSS, o cal demostra que a maioría das baixas teñen a súa orixe nas condicións de traballo: o 69 % das persoas traballadoras están expostas a movementos repetitivos, o 54 % a posturas forzadas e o 37 % a cargas excesivas.

    Por todo isto, CCOO lamenta «profundamente» que UGT asinase este Plan xunto á Xunta e a CEG, «cando temos que afrontar unha folga xeral o vindeiro 11 de novembro por motivos como a protección da saúde das persoas traballadoras e fronte aos intereses das mutuas».

    Os plans de Feijóo

    Finalmente, desde sindicato pregúntanse sobre os plans do líder do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo, que onte presentou o seu ‘Contrato con España’, un documento que fala de «respecto á xente», de «reconciliación» e de fortalecer a sanidade pública. Mentres abunda neste discurso, omite que en Galicia aprobou un plan —que pretende replicar o PP estatal se chega ao Goberno— para afondar na criminalización das persoas traballadoras en caso de baixa médica e no cuestionamento dos profesionais da saúde.

    «Se Feijóo cre de verdade no respecto á xente e na sanidade pública, debería denunciar o que o seu partido está a facer en Galicia e levar no seu programa un plan de reforzamento da sanidade pública. Ao non facelo, está a lexitimar un modelo que trata as persoas enfermas como sospeitosas e que pon os intereses empresariais por riba da saúde e da dignidade das persoas», conclúe o sindicato.