Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

CCOO defende o dereito ás manifestacións pacíficas e condena calquera forma de violencia, con independencia de quen a exerza, a xustifique ou a ampare

    CCOO quere expresar, en primeiro lugar, a súa solidariedade coas persoas feridas durante os incidentes rexistrados esta mañá na praza de María Pita, na Coruña, e desexarlles unha pronta e completa recuperación.

    22/10/2026.
    Concentración na praza de María Pita (A Coruña)

    Concentración na praza de María Pita (A Coruña)

    A continuación, o sindicato quere ratificar o seu firme compromiso co exercicio libre e pacífico do dereito de manifestación, recollido no artigo 21 da Constitución española. Non en van, no acto de protesta de hoxe participaron varios dos seus dirixentes e afiliados e afiliadas.

    CCOO condena calquera forma de violencia, con independencia de quen a exerza, a xustifique ou a ampare, e, neste marco, o sindicato expresa a súa preocupación pola actuación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado durante o desaloxo da praza de María Pita, na Coruña. Pide á Delegación do Goberno e ao Ministerio do Interior que aclaren os feitos e determinen se se empregaron medios desproporcionados para desaloxar un grupo de persoas que permanecía na praza tras unha concentración que transcorrera de xeito pacífico. Cómpre, se é o caso, depurar as responsabilidades pertinentes.

    Ao mesmo tempo, CCOO de Galicia quere subliñar que a defensa do dereito de reunión non pode servir de cobertura para ningún acto violento, dano ou lesión. A protesta social lexítima gáñase con argumentos e propostas, non coa forza nin coa radicalización. Por iso, o sindicato fai un chamamento a todos os movementos sociais e políticos a manifestarse de forma pacífica, a non instrumentalizar actos cívicos para alimentar o odio e a resolver as diferenzas coa palabra e non co enfrontamento.

    Finalmente, o sindicato alerta da crecente presenza de discursos de extrema dereita en Galicia —pintadas contra a sede da Cruz Vermella en Ferrol ou agresións e ameazas—, que CCOO non vai tolerar e denunciará por todas as vías pacíficas ao seu alcance.