Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

CCOO volve gañar as eleccións sindicais en Bidafarma no centro de traballo de Santiago malia as «represalias» da empresa

    Comisións Obreiras volveu gañar as eleccións sindicais celebradas no centro de traballo de Bidafarma en Santiago. A candidatura do sindicato obtivo novamente os tres representantes que se elixían, o mesmo resultado que hai catro anos, e mantén así a súa condición de única forza sindical na empresa.

    22/10/2026.
    Centro de Traballo de Bidafarma Santiago, en Teo

    Centro de Traballo de Bidafarma Santiago, en Teo

    O delegado Óscar Cebeiro destaca que este resultado permitirá dar continuidade ao traballo sindical desenvolvido «e envíalle unha contundente mensaxe á empresa: non nos silenciará».

    E é que estas eleccións tiveron lugar despois de meses de protestas do persoal e de que a empresa abrira 17 expedientes disciplinarios o pasado mes de setembro, concluíndo con dous despedimentos. Entre as persoas despedidas pola empresa figura o delegado Óscar Cebeiro, agora reelixido.

    Con esas mobilizacións, o persoal denunciaba o desvío de carga de traballo a outros centros, unha situación que xera incerteza sobre o futuro laboral do persoal das instalacións de Montouto, no concello de Teo. CCOO denunciou que a dirección estaba a trasladar liñas de despacho a outros almacéns sen informar a representación das persoas traballadoras. O sindicato tamén advertiu da falta de cobertura de vacantes, xubilacións e vacacións, así como da sobrecarga de traballo e as presións sobre o persoal, entre outras cuestións.

    As medidas adoptadas pola empresa, que para CCOO son «represalias polo labor combativo» realizado, non tiveron impacto entre o persoal, que volveu confiar nesta organización para defender os seus dereitos os vindeiros catro anos.

    Unha trintena de persoas en Santiago

    Bidafarma é unha cooperativa de distribución farmacéutica que opera no ámbito do comercio por xunto de produtos farmacéuticos. A entidade, de matriz andaluza, absorbeu en 2017 a Cooperativa Farmacéutica Gallega (Cofaga), á que pertencía o centro de traballo compostelán, que emprega actualmente unha trintena de persoas. Ademais desta, a empresa conta con instalacións na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.