Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

CCOO prepara a folga xeral do 11N cunha rolda de asembleas por toda Galicia

    Comisións Obreiras está a desenvolver unha rolda de asembleas de delegadas e delegados para preparar a folga xeral do vindeiro 11 de novembro. Os encontros, xa celebrados en Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela, A Coruña e Viveiro, serven para explicar os motivos da convocatoria e reforzar a organización sindical nos centros de traballo.

    23/10/2026.
    Preparativos de CCOO cara á folga xeral do 11N

    Preparativos de CCOO cara á folga xeral do 11N

    Nas asembleas, o sindicato sitúa no centro da mobilización as dificultades de acceso á vivenda, a suba dos prezos e a perda de poder adquisitivo, o bloqueo da negociación colectiva e a defensa das pensións. CCOO denuncia que o crecemento económico non se traduce nunha mellora suficiente das condicións de vida da maioría social e chama a responder colectivamente fronte á precariedade e ás desigualdades.

    Entre as principais reivindicacións expostas nestes encontros figuran as subas salariais nos convenios colectivos de entre o 4 % e o 7 %, un incremento de polo menos o 7 % do salario mínimo interprofesional e medidas que permitan acceder a unha vivenda a prezos razoables.

    Organización e mobilización para defender os dereitos

    Na asemblea de Vilagarcía de Arousa, celebrada o 16 de outubro, participou a secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, que expuxo os motivos da convocatoria e chamou a implicar o sindicato na preparación da folga. «Se non loitamos, estamos perdidos!», advertiu. Durante o encontro tamén se abordaron cuestións como as pensións, os salarios, a vivenda e as políticas sanitarias.

    En Santiago de Compostela, o 21 de outubro, o secretario de Negociación Colectiva de CCOO de Galicia, Armando Iglesias, chamou a combater un sistema económico que concentra cada vez máis riqueza. «O problema é o sistema capitalista, que nos afoga cada día máis e concentra cada vez máis riqueza en menos persoas», afirmou.

    A asemblea da Coruña, o 22 de outubro, produciuse o día seguinte ás protestas pola presenza da extrema dereita na cidade. A secretaria xeral de CCOO reivindicou o dereito á mobilización pacífica, chamou a non calar fronte ao fascismo e reclamou explicacións á Delegación do Goberno pola actuación policial. Pola súa banda, o secretario comarcal, Cristóbal González, salientou a importancia da organización e da mobilización para converter a denuncia das inxustizas en cambios reais.

    Ese mesmo día, en Viveiro, participou Xesús Castro, secretario de Memoria Democrática. O sindicalista defendeu o carácter laboral e salarial da convocatoria: «Necesitamos acordos nos convenios colectivos para facer fronte á inflación e recuperar o poder adquisitivo». O secretario xeral de CCOO da Mariña, Jacobo Bermúdez Guerreiro, destacou que a mobilización aspira a reunir a clase traballadora e a cidadanía arredor da defensa dunha vivenda digna e accesible e da mellora dos salarios.

    Continúa a preparación da folga

    A rolda de asembleas continuará nos vindeiros días con novos encontros en diferentes cidades galegas:

    - Vigo: 27 de outubro, ás 10:00, no centro cívico de Teis.

    - Ferrol: 27 de outubro, ás 11:00 e ás 18:00, no salón de actos do sindicato.

    - Ourense: 28 de outubro, ás 10:30, no salón de actos do sindicato.

    - Lugo: 29 de outubro, ás 10:00, no salón de actos do sindicato.

    - Pontevedra: 2 de novembro, ás 10:00, no salón de actos do sindicato.

    CCOO chama as persoas delegadas e o conxunto da clase traballadora a implicarse na preparación da folga xeral do 11 de novembro. O obxectivo é facer da xornada unha resposta colectiva fronte á perda de poder adquisitivo, as dificultades para acceder a unha vivenda digna e as desigualdades, e reclamar condicións de vida e traballo dignas.