Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

Amelia Pérez chama a unha participación masiva na folga xeral do 11N «contra os especuladores, os rendistas e quen bloquea a negociación colectiva»

    A secretaria xeral de CCOO de Galicia defendeu hoxe en Vigo a importancia da mobilización para recuperar poder adquisitivo, garantir o acceso á vivenda e impulsar os dereitos laborais.

    27/10/2026.
    A asemblea celebrouse no centro cívico de Teis.

    A asemblea celebrouse no centro cívico de Teis.

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, chamou este martes en Vigo a participar na folga xeral do vindeiro 11 de novembro para plantarlle cara «aos especuladores, aos rendistas e a quen bloquea a negociación colectiva», co obxectivo de recuperar poder adquisitivo, garantir o acceso á vivenda e mellorar as condicións da clase traballadora.

    «O 11N non imos perder salario: imos facer un investimento no futuro do país», afirmou durante unha asemblea que reuniu máis dun cento de delegadas e delegados este martes no centro cívico de Teis para organizar o paro. No acto tamén interviñeron a secretaria xeral da Unión Comarcal de Comisións Obreiras de Vigo, Montserrat Carrera, e outros dirixentes da organización e do Sindicato de Inquilinas.

    Amelia Pérez subliñou que a convocatoria non pretende só demostrar a forza da clase traballadora, senón conseguir cambios que permitan avanzar como sociedade. Explicou, nese senso, que se busca situar no centro do debate os problemas que afectan á vida cotiá da cidadanía: o acceso á vivenda, os salarios, a suba dos prezos, o bloqueo da negociación colectiva, a defensa das pensións e dos servizos públicos e a loita contra a estigmatización das persoas traballadoras que enferman. O paro, en definitiva, é unha resposta dirixida a quen actúa contra dos intereses da maioría social: «Non queremos que se faga caixa á custa do empobrecemento da clase obreira».

    As subas salariais non compensan o encarecemento da vida

    Na súa intervención, a sindicalista tamén puxo o foco na perda de poder adquisitivo e nas dificultades das familias para afrontaren o aumento do custo da vida. As subas salariais que se están a negociar en Galicia roldan o 3,9 % e resultan «insuficientes» fronte á evolución dos prezos e o encarecemento da vivenda.

    Pérez tamén alertou do encarecemento da cesta da compra e sinalou que as familias galegas gastan un 17 % máis ao mes en alimentación. Esta evolución, sostivo, reforza a necesidade de que os salarios «permitan manter unhas condicións de vida dignas».

    A secretaria xeral de CCOO sinalou que a convocatoria se produce nun contexto preelectoral, pero insistiu en que o obxectivo do sindicato non é facer campaña por ningunha formación política, senón introducir no debate público os problemas que afectan á maioría da cidadanía. «Queremos que nesta precampaña e nesta campaña electoral se fale do que realmente lle importa á xente». Tamén chamou a reivindicar o orgullo e a conciencia de clase para defender os dereitos laborais e sociais fronte a quen, segundo denunciou, «non respecta os intereses da clase traballadora».

    Por todo isto, a folga do 11N esixe unha repartición máis xusta da riqueza e evitar que as dificultades económicas sigan recaendo sobre as persoas traballadoras. CCOO chama a participar para que a vivenda, os salarios, o custo da vida e os servizos públicos ocupen un lugar central no debate social e político.