Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

CCOO de Galicia alerta de que a maior creación de emprego non se traduce na súa maior calidade

    A taxa de actividade galega segue cinco puntos por debaixo da estatal, segundo a EPA do terceiro trimestre.

    27/10/2026.
    Datos da EPA.

    Datos da EPA.

    A enquisa de poboación activa (EPA) do terceiro trimestre de 2026 publicada hoxe amosa que en Galicia hai 1 193 300 persoas ocupadas, 21 300 máis que hai tres meses, e 120 500 persoas desempregadas, 19 400 máis ca no trimestre anterior, o que ofrece unha foto do mercado laboral con luces e sombras. Medra o emprego, pero tamén o desemprego. Crece o emprego indefinido, pero tamén o fai o temporal. Pola contra, pérdese emprego a tempo parcial e aumenta o emprego a tempo completo.

    A pesar de que o ritmo de creación de emprego é mellor en Galicia que no resto do Estado, a taxa de actividade galega segue cinco puntos por debaixo da estatal e hai cinco comunidades autónomas onde se crea máis emprego que en Galicia.

    O crecemento do emprego non pode traducirse na súa peor calidade, como reflicte o aumento da taxa de temporalidade en Galicia do último trimestre. A fin das contratacións estivais —que conviven coa recuperación do emprego no sector público (educación, sanidade…)—, a expectativa de atopar un emprego derivada do seu crecemento e o aumento da taxa de actividade da poboación estranxeira poderían explicar o incremento do desemprego na comunidade.

    Non abonda con crear emprego. Hai que mellorar a súa calidade, reducir a xornada e subir o salarios. Por iso CCOO convocamos a folga xeral o 11 de novembro e chamamos as mulleres e os homes do noso país a se mobilizar por mellores soldos, por unha vivenda digna e polo control dos prezos ante unha inflación que eiva o noso poder adquisitivo.

    Análise dos datos

    A EPA do terceiro trimestre do ano en Galicia reflicte a creación de 21 300 empregos e o aumento do desemprego en 19 400 persoas. O emprego medra en Galicia un 1,8 %, mentres que no Estado o fai nun 0,3,%. Pola contra, o desemprego sobe en Galicia un 17,9 % mentres que no Estado cae un 21,9 % respecto do trimestre anterior. Hai 120 500 persoas en desemprego en Galicia, 19 400 máis que no trimestre anterior. En total, son cinco as comunidades autónomas onde o emprego medra máis que en Galicia.

    A ocupación masculina aumenta en 20 800 empregos, pero a feminina faino en só 500 postos de traballo. De cada 100 persoas con emprego, 49 son mulleres. O desemprego masculino sobe en 7300 persoas mentres que o feminino se incrementa en 12 100.

    O emprego que se crea é a xornada completa (37 300 novos empregos) mentres que a xornada parcial o emprego diminúe (16 000 empregos menos). A taxa de parcialidade sitúase no 11,2 %. Créase emprego no sector dos servizos, que rexistra 19 300 persoas ocupadas máis, no primario con 4400 máis; na industria súmanse 3800 empregos pero na construción pérdense 6200.

    O saldo do emprego asalariado neste trimestre é de 24 700 persoas ocupadas máis, resultado do aumento de 13 000 empregos asalariados temporais e 11 800 indefinidos. Créanse 27 100 empregos asalariados no sector público e pérdense 2400 no sector privado. No sector público medran en 18 400 os empregos indefinidos e en 8700 os temporais. No sector privado diminúen en 6600 os empregos indefinidos cando os temporais suman 4200.

    A taxa de actividade sitúase no 54,6 %, un punto e medio máis que hai tres meses pero cinco por debaixo da estatal. En relación co mesmo período do ano anterior, en Galicia temos 13 900 persoas ocupadas máis e o paro medra en 17 900 persoas.