Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

O ensino concertado percorrerá as principais cidades galegas cunha caravana de coches o 29 de outubro

    O persoal do ensino concertado de Galicia volverá mobilizarse este xoves, 29 de outubro, cunha caravana de coches que percorrerá Vigo, A Coruña, Ferrol, Santiago, Ourense e Pontevedra. A convocatoria, promovida conxuntamente por CCOO, FSIE, UGT, USO, SNEP e CIG, pretende visibilizar o malestar do colectivo ante a falta de vontade da Consellaría de Educación para iniciar as negociacións sobre as reivindicacións laborais pendentes.

    28/10/2026.
    Manifestación en Santiago de Compostela de persoal do ensino concertado (6 de outubro do 2026)

    Manifestación en Santiago de Compostela de persoal do ensino concertado (6 de outubro do 2026)

    A mobilización dá continuidade ás folgas do 9 de setembro e do 6 de outubro e ao calendario de protestas que o sector desenvolve desde o mes de maio. As organizacións sindicais denuncian que, malia as mobilizacións realizadas, a Consellería continúa sen convocar os representantes das persoas traballadoras para abordar as demandas do colectivo, que leva case vinte anos reclamando avances.

    A caravana será tamén o paso previo á terceira folga convocada no sector en dous meses, prevista para o vindeiro 10 de novembro.

    Seis cidades, unha mesma reivindicación

    As caravanas partirán ás 18:30 horas dos seguintes puntos de encontro:

    — Vigo: aparcadoiro do Museo Verbum, en Samil.

    — A Coruña: edificio sindical de Alfonso Molina.

    — Santiago de Compostela: aparcadoiro de Santa Marta.

    — Ferrol: aparcadoiro da Malata.

    — Ourense: explanada de Expourense.

    — Pontevedra: aparcadoiro do pavillón municipal.

    As reivindicacións do persoal do ensino concertado

    As organizacións sindicais reclaman a apertura inmediata de negociacións coa Consellaría de Educación para desbloquear as reivindicacións laborais do persoal do ensino concertado, pendentes desde hai anos. Entre as principais demandas figuran a actualización dos acordos de homologación salarial e o desenvolvemento profesional, así como o pagamento dos complementos por coordinación, titorías e dinamización lingüística, dos complementos de cargo e da paga extraordinaria por antigüidade.

    Os sindicatos tamén esixen unha redución da carga lectiva, a mellora das condicións de acceso á xubilación parcial mediante contrato de remuda para todo o persoal e a creación dun complemento autonómico para o persoal de administración e servizos (PAS). As seis organizacións consideran imprescindible que a Administración abra unha negociación efectiva e estableza un calendario de traballo que permita avanzar na resolución destas demandas.