Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

As asembleas aproban os novos convenios do metal de Lugo cunha suba salarial do 18 %

    CCOO salienta o éxito da folga para sacar a patronal do bloqueo.

    28/10/2026.
    Asemblea de persoas traballadoras do metal de Lugo (26 de outubro de 2026).

    Asemblea de persoas traballadoras do metal de Lugo (26 de outubro de 2026).

    As asembleas de traballadores e traballadoras dos convenios de siderometal e do comercio do metal de Lugo votaron a noite do luns a favor de aceptar o acordo acadado na negociación coa patronal e desconvocar a folga, que tiña novos paros previstos para os días 3 e 5 de novembro.

    O éxito das dúas xornadas de mobilización anterior foi a clave para sacar a parte empresarial do bloqueo. CCOO valora a unidade sindical practicada nesta negociación e considera positivo o pacto acadado.

    O acordo, aprobado nas asembleas celebradas en Lugo e na Mariña, recolle un incremento salarial do 18 % en catro anos: 5 % en 2026; 4,5 % en 2027; 4,5 % en 2028; e 4 % en 2029. O poder adquisitivo, ademais, queda protexido ao incorporarse unha cláusula de revisión do IPC, con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de cada ano e sen límite, ademais do pagamento dos atrasos correspondentes.

    Noutros aspectos tamén se dan avances: redúcese en oito horas a xornada anual e amplíanse de 20 a 24 as horas ao ano para asistencia a consultas médicas de atención primaria, que tamén se poderán utilizar para acompañar familiares de primeiro grao.

    O acordo inclúe, ademais, melloras en licenzas, axudas de custo, horas extras, gardas e clasificación profesional, entre outras materias.

    A folga e a negociación permitiron avanzar nas condicións laborais e salariais do sector. Agora toca que o acordado se cumpra.