Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

Participa na folga xeral do 11N! Salarios dignos, menos precariedade, dereito á vivenda

    CCOO chama á participación nas manifestacións convocadas en Galicia con motivo da folga xeral do vindeiro 11 de novembro, unha xornada de mobilización para reclamar melloras nas condicións de vida e de traballo da clase traballadora, fronte á precariedade laboral, á escalada dos prezos e ás dificultades de acceso a unha vivenda digna.

    06/11/2026.
    O 11 de novembro, folga xeral. Salarios, vivenda, prezos

    O 11 de novembro, folga xeral. Salarios, vivenda, prezos

    Malia o crecemento económico, os beneficios empresariais non se están traducindo nunha mellora equivalente dos salarios e das condicións de vida das persoas traballadoras. Pola contra, considera que as marxes empresariais están contribuíndo ao encarecemento dos bens e servizos básicos, trasladando á maioría social os custos das sucesivas crises.

    A situación da vivenda constitúe outro dos eixes centrais da convocatoria. CCOO reclama políticas públicas que poñan freo á especulación inmobiliaria e garantan o acceso a unha vivenda digna, ante un mercado que está a deixar fóra unha parte cada vez maior da poboación, especialmente a mocidade e as persoas con rendas máis baixas.

    A folga xeral pretende tamén desbloquear a negociación colectiva e avanzar en reivindicacións fundamentais para a clase traballadora: subir os salarios, reducir a xornada laboral, mellorar a saúde no traballo e erradicar a precariedade.

    Nove manifestacións en Galicia

    As mobilizacións desenvolveranse ao longo da mañá do 11 de novembro en nove localidades galegas. A seguir indícanse os lugares e horarios en que partirán as marchas:

    • A Coruña: ás 12.00 horas, na praza da Palloza.
    • Ferrol: ás 11.30 horas, na praza de España.
    • Santiago de Compostela: ás 13.00 horas, na Alameda.
    • Viveiro: ás 12.00 horas, diante do edificio sindical (rúa García Dóriga).
    • Lugo: ás 11.30 horas, diante do edificio sindical (rolda da Muralla).
    • Ourense: ás 10.00 horas, diante do edificio sindical (parque de San Lázaro).
    • Vilagarcía de Arousa: ás 12.30 horas, na praza de Ravella.
    • Pontevedra: ás 11.00 horas, desde a praza da Peregrina
    • Vigo: ás 11.30 horas, na Vía Norte. Esta será a manifestación principal en Galicia.

    Tes máis información na web https://huelga.ccoo.es e na canle de WhatsApp específica creada por CCOO.