Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

CCOO reclámalle á Xunta a subrogación do persoal da cociña do Hospital Provincial de Pontevedra

    Comisións obreiras (CCOO) reclama a subrogación do persoal da cociña do Hospital Provincial de Pontevedra para garantir a continuidade dos postos de traballo en Montecelo. Actualmente, ao redor de corenta traballadoras e traballadores, algunhas con ata 34 anos de antigüidade, están pendentes dunha solución que lles permita manter o emprego cando se complete o traslado dos servizos hospitalarios. En apoio das súas demandas, CCOO convocou esta mañá unha manifestación, secundada por un cento de persoas, que percorreu varias rúas da cidade entre a sede do sindicato e o Hospital Provincial.

    02/11/2026.
    Manifestación entre a sede de CCOO de Pontevedra e o Hospital Provincial para reclamar a subrobación do persoal da cociña hospitalaria

    Manifestación entre a sede de CCOO de Pontevedra e o Hospital Provincial para reclamar a subrobación do persoal da cociña hospitalaria

    A representación sindical da empresa concesionaria, Mediterránea de Cátering, leva dous anos pedindo unha reunión coa Administración sanitaria para coñecer o futuro do persoal da cociña, pero segue sen recibir respostas. O ano pasado, tras unha reunión en Santiago, recibiron o compromiso de que se retomarían as conversas se desconvocaba a folga que estaba prevista. Porén, non houbo novos contactos. Tampouco se cumpriu o compromiso da xerencia, adquirido o pasado agosto, de convocar un novo encontro. 

    CCOO considera «inxusto» que, despois de tantos anos de prestación de servizos, a única saída ofrecida sexa a extinción dos contratos mediante despedimentos obxectivos e as correspondentes indemnizacións. A proposta do sindicato é clara: subrogar todo o persoal da cociña do Provincial para que pase a traballar na cociña do Hospital de Montecelo, onde existe unha «necesidade real» de persoal.

    Esta medida permitiría garantir a continuidade dos empregos sen que iso supoña a integración das persoas traballadoras como persoal estatutario do Sergas. O sindicato lembra que existen precedentes de procesos de subrogación noutras administracións públicas e considera que a súa aplicación neste caso depende fundamentalmente da «vontade política».

    CCOO advirte de que a reorganización dos servizos hospitalarios non pode deixar sen resposta a situación destas persoas traballadoras. A xerencia trasladou que o traslado de servizos desde o Hospital Provincial podería comezar en setembro de 2027, pero o persoal segue sen saber canto tempo continuará funcionando a cociña actual nin que dimensión terá a actividade durante ese período. O sindicato reclama información concreta e garantías laborais, «e non novas promesas de reunións que nunca chegan a celebrarse», advirte.

    As persoas traballadoras denuncian que esta incerteza prolongada está a ter consecuencias tamén na súa saúde mental e na súa situación familiar. CCOO esíxelles á Xunta, á Consellaría de Sanidade e á xerencia da área sanitaria que «asuman as súas responsabilidades» e habiliten unha solución que garanta a continuidade dos postos de traballo.

    O sindicato continuará mobilizándose e defendendo os empregos da cociña do Hospital Provincial ata conseguir unha resposta. «Queremos diálogo, pero tamén solucións», trasladaron as representantes do persoal durante a protesta deste luns.