Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

CCOO, CIG e UGT presentan a plataforma conxunta para mellorar as condicións laborais do persoal do comercio vario da Coruña

    CCOO, CIG e UGT fixeron pública a plataforma conxunta de reivindicacións para a negociación do convenio colectivo de comercio vario da provincia da Coruña para o período 2026-2028. A proposta sindical sitúa a mellora salarial, a redución da xornada, a conciliación da vida laboral e familiar e a loita contra a precariedade como os principais eixes da negociación.

    03/11/2026.
    Presentada a plataforma reivindicativa do comercio vario da Coruña

    Presentada a plataforma reivindicativa do comercio vario da Coruña

    No apartado económico, os sindicatos reclaman unha suba salarial do 7 % para 2026 e do 5 % para cada un dos anos 2027 e 2028. Para estes dous últimos exercicios tamén propoñen incorporar cláusulas de revisión salarial vinculadas ao IPC real, con carácter retroactivo a final de ano, co obxectivo de protexer o poder adquisitivo dos cadros de persoal.

    A plataforma inclúe tamén melloras específicas para o traballo en domingos e festivos, cunha retribución de 80 euros en 2026, 90 euros en 2027 e 100 euros en 2028, co recoñecemento expreso destas horas como xornada extraordinaria. Así mesmo, proponse incrementar os complementos por traballo en horario de tarde, sábados e nocturnidade, así como mellorar os pluses de permanencia e transporte.

    Reducir o tempo de traballo

    Outro dos elementos centrais é a redución do tempo de traballo. A proposta recolle fixar a xornada anual en 1750 horas en 2027 e 1715 horas en 2028. Tamén reclama garantir un mínimo de doce sábados libres ao ano, establecer descansos retribuídos computables como tempo efectivo de traballo e limitar a fragmentación das xornadas de catro horas ou menos.

    Canto ás vacacións, os sindicatos propoñen amplialas a 35 días naturais, garantindo que polo menos 21 se poidan gozar entre o 21 de xuño e o 15 de setembro. A plataforma incorpora ademais medidas para mellorar a planificación dos calendarios laborais e compensar economicamente os días de vacacións que se gocen fóra do período estival.

    Máis estabilidade no emprego

    A estabilidade no emprego e a mellora das condicións do persoal a tempo parcial constitúen outros dos ámbitos prioritarios. CCOO, CIG e UGT propoñen establecer unha xornada mínima de 27 horas semanais, garantir a preferencia do persoal xa contratado para ampliar a súa xornada cando existan vacantes e consolidar parte das horas complementarias e das ampliacións temporais realizadas no ano anterior.

    A plataforma tamén recolle melloras na clasificación profesional e na promoción interna, coa desaparición das categorías de mozo ou moza de almacén e auxiliar de caixa, a equiparación salarial do persoal de almacén coas persoas dependentes e a promoción por antigüidade en determinadas categorías.

    Ampliar permisos e favorecer a conciliación

    No ámbito da conciliación, as organizacións sindicais reclaman ampliar os permisos por enfermidade grave ou falecemento de familiares, incorporar 40 horas anuais para acompañamento médico de fillos e familiares que o precisen e estender o permiso de lactación ata que o bebé cumpra doce meses. Tamén propoñen un día adicional de asuntos propios e a posibilidade de solicitar permisos non retribuídos de ata catro meses.

    Outras medidas incluídas na plataforma son unha axuda escolar de 100 euros por cada fillo ou filla en idade de ensino obrigatorio, un complemento de vestiario para as empresas que non faciliten calzado laboral e novas garantías en materia de desconexión dixital e saúde laboral.