Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

Os sindicatos do ensino concertado denuncian o bloqueo do PP e reclaman solucións

    As seis organizacións sindicais con representación no ensino concertado galego (CCOO Ensino, FSIE, UGT, USO, SNEP e CIG) reuníronse o pasado 28 de outubro cos tres principais grupos parlamentarios. Nestes encontros trasladáronlles aos representantes políticos a situación laboral do sector e a súa reivindicación a prol da recuperación dos dereitos laborais e retributivos, o cumprimento dos acordos pendentes e o restablecemento da negociación colectiva.

    03/11/2026.
    Concentración do persoal do ensino concertado diante da sede da Xunta (26/6/2026)

    Concentración do persoal do ensino concertado diante da sede da Xunta (26/6/2026)

    Na xuntanza, as organizacións sindicais reclamaron a implicación da Xunta para desbloquear o conflito e lembraron que a calidade educativa tamén depende das condicións laborais do persoal. Ao tratarse de centros sostidos con fondos públicos, consideran que o Goberno galego debe asumir a súa responsabilidade e garantir que o servizo educativo non se sosteña sobre a precariedade das persoas traballadoras.

    A reunión co PP non achegou ningunha proposta nin medida concreta. Segundo denuncian os sindicatos, o grupo que sustenta o Goberno galego limitouse a reproducir os argumentos da Consellaría e a comprometerse a trasladarlle as reivindicacións, sen ofrecer solucións para superar un bloqueo que depende da propia Administración.

    Pola contra, o PSdeG-PSOE presentou un borrador de proposición de lei para modificar a Lei 4/2025, de orzamentos de Galicia para 2026. A iniciativa propón suprimir o segundo parágrafo do artigo 58 e o apartado primeiro da disposición adicional décimo segunda, co obxectivo de eliminar as trabas orzamentarias que manteñen suspendido o acordo do 24 de abril de 2008. Ademais, comprometeuse a presentar emendas aos orzamentos.

    CCOO-Ensino e o resto das organizacións sindicais valoraron esta iniciativa, que consideran aliñada coas reivindicacións do sector, e solicitaron que se tramite coa maior brevidade posible. A proposta busca avanzar na recuperación dos dereitos dun colectivo que reúne arredor de 7000 persoas traballadoras en Galicia.

    Pola súa banda, o BNG amosou empatía coa situación do persoal e comprometeuse a estudar posibles iniciativas para desbloquear o conflito, incluída a presentación de emendas aos orzamentos.

    As seis organizacións sindicais reiteran que a Xunta debe asumir a súa responsabilidade, eliminar os bloqueos orzamentarios e cumprir os acordos pendentes. CCOO-Ensino, FSIE, UGT, USO, SNEP e CIG manterán a unidade sindical e seguirán reclamando unha negociación efectiva e a recuperación dos dereitos laborais e retributivos do persoal do ensino concertado galego.