Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

CCOO insta a Xunta a aproveitar os orzamentos de 2027 para impulsar o emprego e reverter a evolución negativa de Galicia

    Comisións Obreiras (CCOO) insta a Xunta de Galicia a «facer política para os galegos e as galegas» e aproveitar os orzamentos autonómicos de 2027 para impulsar as medidas necesarias que permitan reverter a evolución negativa do mercado laboral galego.

    04/11/2026.
    O mercado laboral galego experimentou peor comportamento ca o estatal durante o mes de outubro

    O mercado laboral galego experimentou peor comportamento ca o estatal durante o mes de outubro

    O sindicato fai esta reclamación tras coñecerse hoxe uns datos de outubro que amosan unha evolución do emprego na comunidade autónoma galega moito peor ca a media estatal, cun aumento do paro e un descenso da afiliación á Seguridade Social.

    O paro rexistrado aumentou en Galicia en 2412 persoas (+2,1 %), por riba da suba media estatal (+1,8 %). Pola súa banda, a afiliación á Seguridade Social, tomando como referencia o último día do mes, medrou en 9119 (+0,8 %), fronte ao incremento do 1 % no conxunto do Estado. Porén, se se atende á afiliación media mensual, a comunidade autónoma perdeu 697 afiliacións (–0,2 %), mentres que en España aumentaron un 0,8 %. «A evolución do emprego é peor en Galicia ca na media española», censura Maica Bouza, secretaria de Organización e Políticas Públicas de CCOO.

    Os datos publicados hoxe «seguen respondendo ao remate das contratacións de verán», explica a sindicalista. De feito, oito de cada dez persoas que pasan ao desemprego proceden do sector dos servizos. «Que suba o paro en outubro non é unha boa nova, pero responde á dinámica habitual do mercado de traballo galego e español», matiza Bouza.

    «O que si é unha mala noticia, e moi grave, son as maiores dificultades que ten Galicia para crear emprego en comparación co conxunto do Estado. E nisto algo terán que ver as políticas —ou máis ben a ausencia delas— que desenvolve a Xunta de Galicia», advirte a sindicalista, que reclama apostar por «algo máis que turismo».

    Na súa opinión, a comunidade autónoma necesita «medrar, crear emprego de calidade, incrementar a súa poboación e converxer co Estado e con Europa». Para avanzar nesa dirección, considera imprescindible contar cun sector industrial forte e cun sector de servizos de alto valor engadido, unha aposta que debe quedar reflectida nos orzamentos autonómicos.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 114 849 persoas; 46 950 homes e 67 899 mulleres. O desemprego medra tanto entre os homes (+1125) coma entre as mulleres (+1287), pero seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres.

    Atendendo ás idades, hai 57 993 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego e 109 050 maiores desa idade. O desemprego aumenta en 113 mozos e mozas menores de 25 anos mentres que entre as maiores se incrementa en 2299.

    O paro sobe en todos os sectores: no primario hai 217 persoas desempregadas máis (+6,9 %); na industria 164 (+1,6 %); na construción en 27 persoas (+0,4 %) e 2013 nos servizos (+0,57 %); pola contra, o paro cae testemuñalmente no colectivo sen emprego anterior (9 persoas menos).

    Análise da contratación

    No mes de outubro fixéronse 65 770 contratos en Galicia (–14,5 %). O groso deles son temporais (45 485 fronte a 20 285 indefinidos). Cómpre sinalar que se reduce tanto o emprego indefinido (–14,7 %) coma o temporal, que mingua un –14,4 %. Deste xeito, 31 de cada 100 contratos que se asinan en Galicia non teñen data de caducidade, mentres que antes da reforma laboral a proporción era 10 de cada 100. Sendo «moi positivo» este dato, Maica Bouza advirte que «segue sendo peor que no conxunto do Estado, onde 43 de cada 100 contratos rexistrados son indefinidos».

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobre en 9119 persoas, ata situarse case en 1,13 millóns —concretamente 1 126 137 afiliados e afiliadas—, rexistrando unha suba do +0,8 % con respecto ao mes anterior —como se indicou, a media estatal medra un punto.

    Doutra banda, a afiliación media mensual redúcese en 697 persoas, o que deixa o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 127 270. Deste total, 904 499 corresponden ao réxime xeral, 205 122 ao de persoas autónomas e 17 649 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia diminúe un –0,1 %, mentres que no Estado medra un +0,8 %.

    Tendo en conta a evolución da afiliación nos réximes xeral e de autónomos, constátase que no mes de outubro cae a afiliación «de maneira significativa» na hostalaría (–3045 empregos), no comercio (–1475), na Administración pública (–919) e na sanidade (–915). Pola contra, a actividade en que máis emprego se crea é a educación (+6231). A evolución mensual «reflicte con claridade o remate das contratacións de temporada e a recuperación da normalidade nas actividades educativas», explica Maica Bouza.

    Prestacións por desemprego

    En setembro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 78 999 persoas: 39879 prestacións contributivas e 39 120 subsidios. Canto aos ERTE do mes de outubro, o número de traballadores e traballadoras afectados ascende a 406 a final do mes, das cales 355 estaban en ERTE ETOP e 51 en ERTE de forza maior.