Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Novembro 2026.

CCOO logra toda a representación do comité de empresa do persoal laboral da Deputación de Pontevedra

    A Administración, co apoio de UGT, CIG e CSIF, pretendía reducir a tres persoas delegadas a representación do persoal, pero a reclamación de Comisións conseguiu que quede en cinco.

    04/11/2026.
    Protesta de persoas traballadoras na Deputación.

    Protesta de persoas traballadoras na Deputación.

    Comisións Obreiras conseguiu os cinco representantes do comité de empresa do persoal laboral da Deputación de Pontevedra e queda así como único sindicato con representación neste órgano, o que avala o seu traballo nos últimos catros anos.

    Estas eran unhas eleccións sindicais particulares porque, como consecuencia do proceso de funcionarización de persoal laboral, correspondeu elixir un comité de cinco membros, no canto dos nove escollidos no anterior proceso. Ata agora había cinco persoas delegadas de CCOO e catro de UGT, que queda sen representación neste período.

    Con todo, a elección do comité de empresa estivo marcada polas resistencias da «fronte común» formada pola Deputación, UGT, CIG e CSIF, que sostiñan que só correspondía escoller tres persoas delegadas. Malia que CCOO solicitara por escrito, desde a data de presentación do preaviso, que no censo electoral se computasen as xornadas do persoal temporal do último ano, o día da constitución da mesa electoral a Deputación presentou un censo de 48 persoas traballadoras, polo que pretendía que se elixisen tres delegados/as de persoal.

    Ante esta manobra —que foi compartida e defendida por UGT, CIG e CSIF—, Comisións Obreiras presentou unha reclamación ante a mesa electoral, e o que inicialmente era un censo ficticio de 48 persoas traballadoras converteuse nun censo real final de 67 empregados e empregadas. Cómpre lembrar que os comités de empresa fórmanse a partir de 50 persoas traballadoras; con menos, o que se elixen son delegadas e delegados de persoal.

    «Como pode apreciarse, esa fronte común administración-sindicatos pretendía consumar unha auténtica fraude electoral, restándolle dous membros á lexítima representación dos traballadores e as traballadoras, o que non deixa en bo lugar nin a Deputación nin as centrais sindicais que trataron de impedir que se elixise o comité de empresa», argumenta Xosé Luís García Pedrosa, secretario de Organización da Unión Comarcal de CCOO de Pontevedra.