Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

CCOO e UGT congratúlanse do «éxito» da folga e da participación «masiva» nas manifestacións

  • Masivo seguimento da folga, especialmente en grandes empresas e administracións públicas
  • As concentracións e manifestacións tiveron un seguimento multitudinario

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia congratúlanse do «éxito» da folga do 8 de marzo. O seguimento foi masivo, especialmente en grandes empresas e administracións pública, sen que se rexistrasen incidentes salientables. As concentracións e manifestacións tiveron tamén un seguimento multitudinario.

08/03/2019.
Manifestación en Vigo

Manifestación en Vigo

Para CCOO e UGT, o «apoio maioritario» da sociedade galega a esta convocatoria é a proba de que
as reivindicacións do sindicalismo de clase, compartidas polo movemento feminista, son tamén
maioritarias entre os galegos e as galegas: cómpre denunciar e desterrar a brecha salarial, a
precariedade laboral das mulleres e o acoso e a violencia de xénero.

CCOO e UGT coidan que a data de hoxe é «histórica», como xa sucedeu o ano pasado. O apoio á
folga amosa o total rexeitamento da sociedade galega á situación que padecen as mulleres do noso
país. As reformas laborais impostas, os recortes e as medidas de austeridade non fixeron máis que
incidir nas desigualdades, denuncian as dirixentes sindicais.

Ambos os sindicatos denuncian a «discriminación laboral e salarial» das traballadoras galegas: a igual
formación, os homes acadan maiores taxas de ocupación en todos os niveis formativos. Ademais, a
brecha salarial é de 23 puntos. Tamén critican a existencia dun «teito de cristal» que provoca que só o
2,3 % da poboación ocupada feminina estea en postos de dirección ou xerencia.

Contra a precariedade que sofre a muller no eido laboral

Ademais, denuncian a precariedade que sofren as mulleres galegas no eido laboral, moito máis
incisiva que no caso dos homes. Así, a taxa de temporalidade feminina é de 27,5 puntos, fronte aos
25,6 puntos que soportan os homes e, ademais, as diferenzas increméntanse nestes últimos anos. A
taxa de desemprego feminina supera en 2 puntos á masculina e a súa diferenza increméntase dende
o ano 2012. O 89,5 por cento das persoas que non acceden ao mercado laboral por ter que coidar
menores, persoas adultas enfermas ou dependentes son mulleres. A porcentaxe de mulleres
ocupadas a tempo parcial ascende ao 77,4%, fronte ao 22,6% dos homes que traballan baixo esta
modalidade. O 76,4 por cento das reducións de xornada seguen a ser solicitadas por mulleres e a
brecha das pensións é de 36,3 puntos.

A insoportable violencia machista que inclúe o acoso en todas as súas formas

Ademais da situación laboral, as mulleres son vítimas da insoportable violencia machista que inclúe o acoso en todas as súas formas. Urxen xa medidas reais e efectivas que combatan esta lacra que afecta á nosa sociedade de xeito crecente.

Tamén hai que lembrar a situación de acoso sexual nos centros de traballo. Aínda que a lei protexe contra estas situacións, as denuncias son poucas polas dificultades probatorias ou polos medos a perder o emprego, lamentamos.