Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Maio 2024.

CCOO denuncia o «despedimento masivo» en Medio Rural que afectará ao 54 % dos bombeiros forestais

  • O departamento autonómico anunciou hoxe o cesamento de máis de 1600 traballadores e traballadoras durante o mes de novembro, o que deixará «en cadro» o servizo de prevención

O sector da Administración autonómica de CCOO de Galicia denuncia o «despedimento masivo» anunciado hoxe pola Consellaría do Medio Rural, que pretende cesar durante o mes de novembro a 1647 bombeiros e bombeiras forestais, o 54 % do total. Isto, sumado á paralización da provisión temporal de postos (por adscrición temporal ou por superior categoría), implicará máis perda de postos de traballo e deixará «en cadro» o servizo de prevención, reprocha o sindicato.

22/10/2020.
Bombeiros forestais traballando na extinción dun incendio

Bombeiros forestais traballando na extinción dun incendio

Do total de cesamentos, a meirande parte (984) produciranse o 10 de novembro, mentres que os restantes 627 cesarán o día 30. Os postos de traballo corresponden ás seguintes categorías profesionais: un técnico/a superior, cinco técnicos/as de brigadas helitransportada, 237 bombeiros xefes/a de brigada, 16 bombeiros/as oficiais, 807 bombeiros/as forestais, 347 bombeiros/as condutores/as de motobomba, 121 emisoristas e 113 vixilantes.

Paralización da provisión temporal

A paralización da provisión temporal das coberturas de postos por adscrición temporal ou por superior categoría, vai implicar que o persoal nesta situación volva ao seu posto de orixe, co consecuente cesamento de quen ocupaba o seu posto. Así mesmo, postos de doce meses pasarán a contratos a tempo parcial de nove meses.

«Hipocrisía» do conselleiro

Desde o sector da Autonómica de CCOO coidan que estes feitos converten en «hipocrisía» as declaracións públicas do conselleiro, tanto en conferencias de prensa como na súa presenza activa nas redes sociais, onde máis dunha vez salientou que a súa política estaría baseada na prevención. «Os despedimentos masivos desmenten estas afirmacións», sentencia o sindicato.

Ademais, CCOO tamén reprocha que, ao tempo que recorta persoal, a Consellaría teña duplicidades estruturais, como evidencian as Direccións Xerais de Defensa do Monte e Planificación e Ordenación Forestal, así como as Subdireccións de Prevención e a de Recursos Forestais.

CCOO salienta o labor do colectivo

Por último, CCOO esíxelle ao conselleiro que «recapacite» e tome medidas para poder facer unha prevención axeitada con medios materiais e humanos suficientes. Lembra, tamén, que durante o estado de alarma os bombeiros forestais fixeron traballos voluntarios de desinfección en centros de saúde, residencias ou centros de menores, «pondo en risco a saúde polo ben común».