Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

O persoal de Marpe leva catro meses sen cobrar e abandonado polo administrador

    CCOO denuncia que os sete traballadores da empresa de repartimento a domicilio Marpe, con sede no concello coruñés de Culleredo, levan catro meses sen cobrar e sen actividade. Malia a súa situación, o empresario di que os despedirá cando queira, sen lles dar ningunha outra solución.

    25/01/2021.
    Instalacións de Marpe | Foto: Google Street View

    Instalacións de Marpe | Foto: Google Street View

    O administrador da empresa é José Manuel Martínez Martínez, quen abandonou a actividade —entrega a domicilio de mobles, electrodomésticos e outros— porque se retirou.

    O persoal, que conta cunha antigüidade media de quince anos, pensou que a empresa pecharía ao non haber ninguén que a puidese dirixir. Porén, a sorpresa foi maiúscula cando Martínez lles dixo que seguiría aberta, sempre que o considerase oportuno, sen ofrecer máis explicacións.

    As accións desta persoa son totalmente inxustificables e moi prexudiciais para os traballadores, xa que levan catro meses sen cobrar o seu salario e non poden pedir o paro porque non foron despedidos. Todos eles presentaron unha demanda pola resolución do contrato, pero verase nuns seis meses, tempo no que, temen, seguirán sen cobrar. Tamén presentaron unha denuncia ante a Inspección de Traballo.