Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Abril 2024.

CCOO-Ensino propón PCR masivas e un plan de reforzamento para o alumnado que non poida seguir as clases presenciais

    Ante o considerable aumento de casos na comunidade educativa, a Federación do Ensino de CCOO proponlle á Consellaría de Educación a realización de cribados masivos ao persoal docente e non docente. O sindicato tamén pide que se elabore un plan de reforzamento dirixido ao alumnado que non poida acudir ás clases presenciais por mor da pandemia e evitar a perda dun ano escolar, especialmente tendo en conta as eivas da teledocencia a finais do curso pasado.

    26/01/2021.
    Na fotografía, un alumno seguindo as clases presenciais cunha máscara cirúrxica

    Na fotografía, un alumno seguindo as clases presenciais cunha máscara cirúrxica

    Desde o comezo da pandemia, CCOO-Ensino recalcoulle á Consellaría a importancia de tomar medidas para afrontar as consecuencias no ámbito educativo, pois o protocolo elaborado pola Xunta «demostra ser insuficiente».

    CCOO lamenta que as súas propostas non foran atendidas ata o momento pola Xunta. Entre outras, a de dotar de máis persoal as etapas de infantil e primaria —para diminuír as ratios— ou reforzar o persoal laboral para poder aplicar as medidas hixiénico-sanitarias sen prexudicar a docencia. Recentemente, o sindicato tamén pediu medidores de dióxido de carbono e termómetros para comprobar a temperatura das aulas.

    Coa chegada das novas restricións anunciadas onte polo presidente da Xunta de Galicia, CCOO-Ensino coida «urxente» o devandito cribado masivo, primando aquelas localidades con maior incidencia de contaxios.

    Considerar o peche de aulas ou centros

    E, aínda apostando polo ensino presencial, o sindicato afirma que o tratamento dos centros «non pode ser homoxéneo en toda a comunidade ou área sanitaria». CCOO-Ensino pide, en concreto, considerar o peche daquelas aulas «ou mesmo centros educativos» en que o número de contaxios «está a pór en perigo a saúde de profesorado, alumnado e persoal non docente».