Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

Como solicito a compensación económica por ERTE covid se traballei a tempo parcial?

    Se tes varios contratos a tempo parcial e estiveches en ERTE nun deles, antes de outubro de 2020 (momento en que se corrixiu a norma), xa podes solicitar a compensación económica ao SEPE. As persoas con varios contratos a tempo parcial que entraban en ERTE covid nun deles accederon, entre o 14 de maio e o 30 de setembro de 2020, a unha prestación por desemprego inferior á que lles correspondía debido a un cambio normativo e unha interpretación da norma, na nosa opinión, inadecuada.

    17/02/2021.
    Xa podes solicitar a compensación económica por ERTE covid se traballaches a tempo parcial

    Xa podes solicitar a compensación económica por ERTE covid se traballaches a tempo parcial

    O Acordo de Diálogo Social que deu lugar ao RDL 30/2020 corrixiu esta situación ao establecer unha «compensación económica en determinados supostos de compatibilidade da prestación contributiva por desemprego co traballo a tempo parcial» para as persoas que estiveron nesta situación ata a entrada en vigor do RDL.

    Agora, cando unha persoa afectada por ERTE covid compatibilice o cobramento da prestación por desemprego cun traballo a tempo parcial que non fose suspendido, non se reduce da contía da prestación a parte proporcional ao tempo traballado. A prestación, en cambio, non é compatible con contrato a tempo completo.

    As persoas que estiveron nesta situación ata o 30/9/2020 e viron reducida a súa prestación polo criterio que se aplicaba antes teñen dereito a unha compensación económica polo importe equivalente ao deixado de percibir por esta dedución.

    Esa compensación aboarase nun só pagamento, logo da solicitude expresa da persoa interesada, que ha formalizala no modelo establecido para o efecto. A solicitude presentarase necesariamente a través da sede electrónica do SEPE antes do 30 de xuño de 2021; se se presenta fóra deste prazo, implicará a súa denegación.

    O prazo máximo para que o SEPE resolva as solicitudes presentadas estenderase ata o día 31 de xullo de 2021. Transcorrido ese prazo sen que recaia resolución expresa, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude.

    Podes atopar información para realizar este trámite na web do SEPE.

    A modo de exemplo:

    Unha persoa en situación de pluriemprego, sen cargas familiares, traballa en dúas empresas e nunha delas inclúena nun ERTE de seis meses de duración. Nesa empresa cobra 1200 euros.

    Antes de que entrara en vigor o art. 12 do Real decreto lei 30/2020, do 29 de setembro, a prestación por desemprego durante a afección ao ERTE en pluriemprego supuña o 70 % da metade do seu salario, é dicir percibiría 420 euros (1200/2 x 70 %). 

    Desde a entrada en vigor do dito artigo, o 70 % da base reguladora pasaría a calcularse sobre o 100 por 100 do salario na empresa en ERTE, é dicir, corresponderíanlle 840 euros (1200 x 70 %).

    Para os efectos de compensación, debemos ter en conta que a cantidade máxima que cobra de prestación por desemprego unha persoa sen cargas familiares é de 1098 euros, que no caso dunha xornada ao 50 % serían 549 euros. A persoa do exemplo debería solicitar unha compensación polo período do ERTE de 129 euros (549 - 420), correspondéndolle en total 774 euros (129 x 6).