Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

CCOO critica o «modelo fracasado» da Xunta ante a nova vaga de lumes dos últimos días

    Comisións Obreiras (CCOO) lamenta a vaga de incendios que padece Galicia nestes últimos días, con máis de seiscentas hectáreas calcinadas, especialmente en zonas «sensibles» como O Courel e a Terra de Lemos (Lugo), ou Cotobade e Rodeiro (Pontevedra). O sindicato atribúe a situación ao «modelo fracasado» da Xunta de Galicia e insta o Goberno galego a prover «máis recursos».

    06/04/2021.
    Incendio rexistrado na comarca de Compostela na primavera de 2021

    Incendio rexistrado na comarca de Compostela na primavera de 2021

    Para CCOO, «de pouco serve» que o conselleiro do Medio Rural apele á prevención «cando esta é practicamente inexistente», porque o modelo de contratacións é «en acordeón»: contratos de doce, nove e seis meses que se concentran nas épocas de máxima actividade incendiaria. En opinión do sindicato, este modelo «non aposta pola prevención, senón pola extinción».

    Ademais, a actividade incendiaria «non é como hai quince anos, pois está desestacionalizada, como vemos esta primavera». Por iso, CCOO leva moito tempo insistíndolle á Consellaría en que habilite «máis recursos» e conte cun colectivo «estable» que traballe todo o ano, coa incorporación inmediata do persoal descontinuo.

    Neste senso, CCOO critica que o departamento dirixido por José González aínda non incorporase para traballar o persoal descontinuo con contratos de seis meses, ou que tampouco se cubrise ningunha praza —vacante ou non vacante— no que vai de ano. Isto motivou que nos últimos días se rexistraran incendios en distritos forestais que estaban sen persoal, polo que houbo que desprazar medios doutras zonas.

    Vacinación e prevención da covid-19

    Doutra banda, CCOO denuncia o «desprezo» manifestado por Medio Rural respecto dos seus traballadores e traballadoras, ao non os incluír como «persoal de emerxencias» de cara á vacinación fronte á covid-19, mentres que si están incluídos os bombeiros urbanos ou o persoal da Protección Civil. Isto, malia que a Consellaría activou quendas de noite presenciais con bases e puntos de encontro «que non están adaptadas aos protocolos de seguridade para evitar o risco de contaxio», critica a organización sindical.

    Por esta razón, o sindicato reclamoulle a Medio Rural que permita «de xeito excepcional e voluntario» a realización de quendas de traballo máis longas —10 horas, en días alternos— para contribuír a crear grupos burbulla e un menor tránsito de persoal. Porén, a resposta da Consellaría volveu ser negativa, denuncia Comisións.