Non foi posible cargado o vídeo
URL |
Código para insertar
O secretario xeral de UGT, José A. Gómez (e.) e o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento (d.), salientaron que «agora toca cumprir» coa clase traballadora
Segundo Sarmiento, neste Primeiro de Maio farase un «recoñecemento» ao persoal dos sectores esenciais así como ás delegadas e delegados sindicais, que durante todos estes meses mantiveron «unha actividade frenética para defender os intereses da clase traballadora».
Pero o recoñecemento «non pode quedar nun mero xesto moral», senón que ha ir acompañado de actuacións e compromisos concretos que melloren as súas condicións de traballo, puntualizou. Neste sentido, o secretario xeral de CCOO criticou que as patronais queiran saír desta crise igual que da anterior, con «recorte de dereitos, desvalorización de salarios e perda de retribucións».
Por esta razón, Sarmiento pediu unha «participación masiva» nas mobilizacións do próximo sábado, pois estamos nun «momento determinante» para decidir de que xeito se debe saír da crise.
Pola súa parte, o secretario xeral de UGT xulgou «imprescindible» recuperar a axenda social e a mobilización, polo que instou o Goberno do Estado a «retomar os compromisos cos sindicatos e coa cidadanía».
A primeira reivindicación, a derrogación da reforma laboral, para poder devolver o equilibrio ás relacións laborais. Canda ela, a derrogación da reforma das pensións do 2013 e subir o smi ata o 60 % do salario medio. «Son demandas xustas e lexítimas», incidiu.
José Antonio Gómez tamén instou o Executivo central a dar «resposta xa» aos conflitos, que veñen de vello, de Alcoa en San Cibrao e de Alu Ibérica na Coruña. «É necesaria xa a súa intervención por parte do Estado; non pode xerarse máis incerteza nos traballadores e traballadoras». Reclamou, así mesmo, solucións para o sector naval de Ferrol e de Vigo.
Mobilizacións
—A Coruña: manifestación ás 12:00 desde a praza da Palloza e remate na Delegación do Goberno (praza de Ourense)
— Ferrol: manifestación ás 12:00 desde a praza do Inferniño ata a praza de Armas
— Santiago de Compostela: concentración ás 12:00 na praza da Quintana
— Lugo (só CCOO): concentración ás 12:00 na praza de Ferrol
— Viveiro (só CCOO): manifestación ás 11:45 desde García Dóriga ata a praza do Concello
— Ourense: manifestación ás 12:30 desde o pavillón dos Remedios ata a Subdelegación do Goberno
— Vilagarcía de Arousa: manifestación ás 12:30 con saída e remate na praza de Ravella
— Pontevedra: manifestación ás 12:00 desde o Hospital Provincial ata a glorieta de Compostela
— Vigo (acto central): manifestación ás 11:30 desde o cruzamento da Vía Norte con Urzáiz ata Concepción Arenal