Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

Denuncian «explotación laboral» nunha empresa de Castro de Rei

  • CCOO e outras organizacións esixen a intervención das autoridades

O mércores, 18 de agosto, CCOO e outras organizacións sindicais e sociais concentráronse fronte ás instalacións que a empresa onubense Surexport ten no concello lugués de Castro de Rei. Denuncian a «explotación laboral» e o «espolio de recursos naturais» e esixen a intervención das autoridades.

19/08/2021.
Concentración fronte ás instalacións de Surexport en Castro de Ribeiras de Lea, no concello lugués de Castro de Rei

Concentración fronte ás instalacións de Surexport en Castro de Ribeiras de Lea, no concello lugués de Castro de Rei

Segundo os denunciantes, os traballadores —na súa maioría estranxeiros, moitos deles desprazados doutros campos de traballo que a empresa ten en Andalucía— padecen condicións laborais «miserentas», con xornadas de doce horas diarias, salario inferior ao recollido no convenio, malos tratos verbais e incluso privación do dereito a unha vivenda digna.

Tamén realizaron unha acción informativa entre a veciñanza de Castro de Rei, incidindo en que este tipo de empresas «non xeran riqueza en Galicia», senón que «destrúen emprego local e expulsan a xente labrega, dificultándolles o acceso á terra e á auga».

CCOO e as organizacións que convocaron a protesta presentaron unha denuncia na Subdelegación do Goberno na que esixen que se investiguen as condicións que padece o persoal de Surexport.