Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 13 Maio 2025.

CCOO gaña as eleccións sindicais na empresa Ocisat SL A Coruña

    O persoal de Ocisat SL dá un paso adiante no avance e mellora das súas condicións laborais ao decidir que CCOO do Hábitat de Galicia sexa o sindicato referente da representación dos traballadores e traballadoras

    01/11/2021.
    Nas eleccións sindicais é o momento de apoiar as candidaturas de CCOO

    Nas eleccións sindicais é o momento de apoiar as candidaturas de CCOO

    Son varios meses de continuas reunións co persoal para poder chegar aos máis de trinta traballadores e traballadoras da empresa, onde finalmente se adopta a imperiosa necesidade de arroupar e elixir os tres compañeiros que decidiron presentarse como representantes dos traballadores e as traballadoras baixo as siglas de CCOO do Hábitat de Galicia.

    Unha vez máis, CCOO do Hábitat de Galicia ve recompensado o gran labor desempeñado ao longo destes cinco anos de continuas melloras nas condicións laborais dos traballadores e traballadoras do sector, grazas ao paraugas do convenio estatal e provincial de aplicación no sector da construción. Un convenio no que, ano tras ano, foi garantindo o incremento do poder adquisitivo, alcanzando unha suba total dun 11 %, fronte ao incremento do 2,6 % do IPC no período de referencia.

    A CIG, comportamento antisindical

    CCOO do Hábitat de Galicia lamenta o comportamento antisindical da CIG nestas eleccións nas que, a pesar de non ter candidatura, tratou de entorpecer o proceso electoral, que foi moi participativo e democrático, facendo continuas impugnacións coa única finalidade de que CCOO do Hábitat de Galicia non siga sumando e crecendo en representación no sector.