Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

CCOO aféalle á Xunta de Galicia o rumbo das súas políticas sociais, especialmente no ámbito da atención á dependencia

    Comisións Obreiras (CCOO) reprochoulle hoxe á Xunta de Galicia o rumbo das súas políticas sociais, así como a falta de información e de consulta aos axentes sociais. Así llo fixo saber o sindicato na reunión deste venres do Consello Galego de Benestar social, no cal se tratou o financiamento dos servizos de axuda no fogar, proxectos financiados con fondos europeos, o novo modelo de residencias de maiores e a situación do sistema de atención á dependencia.

    03/12/2021.
    Persoa dependente | Foto: Pixabay

    Persoa dependente | Foto: Pixabay

    A intervención de CCOO foi especialmente crítica coa situación do servizo de axuda no fogar (SAF), que ao mesmo tempo é un dereito para as persoas con dependencia —así o recolle a Lei 39/2006.

    Segundo a secretaria de Política Social de CCOO, a Xunta leva moito tempo «renunciando ao seu labor» de fiscalizar a axeitada prestación do servizo e do cumprimento das condicións laborais, comezando polo financiamento. Ata agora, a Xunta viña achegando 9,7 euros para cada hora do SAF, cando o custo medio estaba entre 12,86 e 15,39.

    Ante uns prezos tan baixos, CCOO impugnou numerosos concursos públicos e déuselle a razón en oito de cada dez casos, nos que ademais se logrou subir o prezo por riba dos 17 euros. Por esta razón, aínda que agora a Administración autonómica se comprometa a elevar a súa achega a 12 euros, o sindicato coida insuficiente esta asignación, que debería subir un 13 %, ata arredor dos 13,60.

    Residencias e dependencia

    Canto ao novo modelo de residencias, CCOO agradeceu que se facilitase información directa neste foro, «pois polo de agora só souberamos polos medios de comunicación». Non obstante, desde Comisións solicitóuselle á Xunta que na conformación do novo modelo se teña en conta a opinión dos traballadores e traballadoras do sector. Tamén, que antes de se aprobar definitivamente a proposta, sexa sometida á valoración do Consello.

    Canto á situación do sistema de atención á dependencia (SAAD), o debate no Consello «constatou que o sistema padece graves problemas», tanto no que respecta á configuración dos servizos como no capítulo laboral —lastrado pola precariedade—. Por esta razón, CCOO solicitou a convocatoria dun pleno monográfico onde se poida analizar con detalle esta realidade.

    Risga e discapacidade

    Noutras cuestións, CCOO pediu que na próxima convocatoria do Consello Galego de Benestar social se trate a situación da renda galega de inserción (Risga) e de cal será o futuro desta prestación, que coexiste co ingreso mínimo vital (IMV) que xestiona o Estado. Por último, por proposta de CCOO, o pleno do Consello aprobou realizar unha declaración con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se conmemora hoxe.