Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 3 Maio 2024.

CCOO lamenta o afundimento do pesqueiro 'Villa de Pitanxo' en Terranova, no Canadá

    Desde CCOO queremos mostrar a nosa solidariedade, apoio e afecto aos sobreviventes, ás familias dos falecidos e desaparecidos do barco de pesca arrastreiro conxelador 'Villa de Pitanxo', con base no porto de Marín.

    17/02/2022.
    barco de pesca

    barco de pesca

    CCOO daralles todo o apoio necesario aos afectados e ás familias, e solicita activar todos os recursos previstos para dar cobertura e protección aos familiares dos pescadores falecidos e desaparecidos. A atención ás familias é neste momento prioritaria ante os duros momentos que teñen que vivir.

    Esiximos poñer todos os medios para o rescate e localización da tripulación e unha investigación inmediata de oficio —a cargo da Comisión de Accidentes e Incidentes Marítimos— que esclareza os feitos, coa firme convicción de que se coñecerán as causas do accidente. As conclusións da investigación servirán para que os seus familiares teñan unha explicación do alto tributo pagado ante a evidencia dos riscos e dureza a que se enfrontan os pescadores e poidan evitar novos accidentes no mar.

    Debemos de poñer en valor a solidariedade dos buques da frota pesqueira que se implicaron no rescate, evitando unha traxedia maior da que estamos a sufrir, e puxeron en risco a súa propia seguridade. 

    Desde CCOO apostamos por que a seguridade e a saúde sexan un baluarte na defensa das condicións de traballo, de forma que non teñamos que pagalo coa nosa saúde ou coa vida.

    Este suceso está producindo un fondo pesar na sociedade galega. De feito, a Xunta de Galicia declarou loito oficial (3 días) desde as 00:00 do 16 de febreiro ao 18 de febreiro.

    A Unión Comarcal de CCOO de Pontevedra, xunto coa sección sindical de CCOO na factoría ENCE, acordaron aprazar a manifestación que tiñan previsto celebrar o venres 18 de febreiro e que finalizaba no porto de Marín, onde tiña a súa base o pesqueiro sinistrado, en sinal de respecto e solidariedade cos afectados e as súas familias.