Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Maio 2024.

As traballadoras galegas cobran, de media, case cinco mil euros menos ca os homes

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) aposta polos plans de igualdade como «ferramenta imprescindible» para corrixir a fenda salarial que separa as mulleres dos homes en Galicia, situada no 21,7 %. Isto significa que as traballadoras galegas cobran ao ano, de media, 4725 euros menos ca os homes (19 818,26 € fronte a 24 542,83 €). Esta é unha das principais conclusións do estudo que o sindicato presentou en conferencia de prensa este luns, véspera do Día Internacional da Igualdade Salarial.

    21/02/2022.
    Temas
      Mamen Sabio (esq.), secretaria da Muller e Igualdade de CCOO, e Amelia Pérez (der.), secretaria xeral de CCOO

      Mamen Sabio (esq.), secretaria da Muller e Igualdade de CCOO, e Amelia Pérez (der.), secretaria xeral de CCOO

      Na comparecencia diante dos medios de comunicación interviñeron a secretaria da Muller de CCOO, Mamen Sabio, e a secretaria xeral, Amelia Pérez. Segundo este estudo, os principais indicadores laborais e económicos reflicten «unha clara situación de desigualdade das mulleres respecto dos homes», apuntou Sabio.

      Ademais da cuestión salarial, as traballadoras galegas tamén están en desvantaxe fronte aos homes en parámetros como a contratación a tempo parcial —son un 15,6 % máis mulleres ca homes— e en contratos temporais —13,13 % máis—. Estas condicións laborais máis precarias tamén teñen tradución na pensión futura: actualmente, as pensións femininas son un 34,53 % máis baixas ca as masculinas.

      Malia a importancia dos plans de igualdade para corrixir estas discriminacións, a maior parte das empresas están a incumprir coas súas obrigas legais. En Galicia hai aproximadamente 2720 empresas con máis de 50 persoas traballadoras, que xa deberían ter asinado e rexistrado un plan de igualdade, pero o 96,4 % aínda non o fixo.

      Neste punto, a secretaria da Muller de CCOO salientou a importancia da reforma laboral recentemente aprobada, que ten entre os seus obxectivos «atallar a precariedade estrutural que soportan as mulleres». Porque, insistiu, «a fenda que padecen as mulleres sitúase xa no mesmo momento de comezar a relación laboral, co tipo de contrato que se asina». Cómpre lembrar que o acordo de reforma laboral xeneraliza a contratación indefinida, impón novas restricións aos contratos temporais, incide sobre as condicións laborais nas subcontratas e elimina o contrato por obra ou servizo.

      Corresponsabilidade nos coidados

      Pola súa parte, a secretaria xeral de CCOO incidiu nun dos aspectos que explica a profunda fenda salarial entre mulleres e homes, que é a falta de corresponsabilidade nos coidados. «A maior parte das persoas cun contrato a xornada parcial son mulleres, e non porque así o queiran, senón porque recae nelas o rol de xénero da asunción dos coidados», subliñou Amelia Pérez.

      Para reverter esta situación, o sindicato propón diferentes medidas, como a racionalización de horarios, incorporar nos convenios medidas que eviten situacións de desigualdade de xénero ou novos permisos e licenzas, entre outras.

      A situación no sector da conserva

      «Non hai un exemplo máis claro desta desigualdade salarial ca o que está a acontecer no sector das conservas de peixe e ese preacordo asinado por CIG e UGT coa patronal», sinalou a secretaria xeral de CCOO. En opinión de Amelia Pérez, este pacto «perpetúa a fenda salarial e minusvalora o papel das mulleres no mundo do traballo».

      A sindicalista lembrou, entre outras desigualdades, que hai dúas categorías profesionais neste sector con similares funcións, pero unha é ocupada maioritariamente por homes e ten mellor retribución, e outra por mulleres e está peor pagada. «Cando se hai que comprometer coas mulleres é na negociación do convenio. O mellor para solucionar o conflito é un acordo de equiparación, para que a igual traballo, igual salario», sentenciou.