Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Maio 2024.

8M: Das palabras aos feitos. Para a igualdade temos un plan

    Acabouse a paciencia! Porque a paciencia ten un límite, este 8M adoptamos o lema sufraxista «das palabras aos feitos» e imos pasar á acción porque «para a igualdade temos un plan».

    07/03/2022.
    Temas
      Para a igualdade temos un plan

      Para a igualdade temos un plan

      Cansas de esperar que o tempo sitúe a igualdade real como principio. Enfastiadas, horrorizadas e resistentes ao negacionismo e o avance da dereita. Preocupadas pola elevada crispación no propio movemento feminista e ante a necesidade de abrir diálogo e espazos novos, CCOO traballa cada día por conseguir mellorar as condicións de vida e de traballo das mulleres con feitos concretos.

      A revolución feminista é tan intensa coma inmensa, transversaliza calquera acto ou actividade por mínima que poida parecer, ata o punto de provocar importantes friccións de reconfiguración social e mesmo económica; por iso, nesta revolución imparable, CCOO quere seguir sumando, coma sempre o fixo, o seu granciño de area. A actuación cotiá de defensa da igualdade e a loita contra a discriminación levou á aprobación unánime da inclusión do feminismo como principio estatutario no último Congreso. Isto implica asumir o feminismo e a perspectiva de xénero en todas e cada unha das súas políticas de maneira transversal con feitos e non só con palabras, cun plan.

      Algúns destes feitos son moi recentes e, só por exemplificar, podemos falar da importancia que para as traballadoras ten a aprobación da reforma laboral, a suba do salario mínimo interprofesional ou a dos salarios mínimos dos convenios.

      Ao que debemos engadir o traballo cotián das delegadas e delegados sindicais nos seus centros de traballo: informando, asesorando, acompañando e negociando nas distintas comisións (de xornada e horarios, prevención de riscos laborais, etc.). A este labor veuse sumar a negociación, posta en marcha e avaliación das medidas e plans de igualdade. E estes son feitos, non palabras.

      Estes feitos supoñen unha mellora importante na vida das mulleres e, sobre todo, das máis vulnerables; por iso este 8M, desde a Secretaría da Muller, Igualdade e Políticas LGBTI+ queremos poñer en valor este traballo. As mulleres necesitamos recursos suficientes para termos unha vida autónoma, un traballo seguro, decente e con boas condicións laborais para conseguir estabilidade, unha asunción corresponsable dos coidados e os labores domésticos por parte do Estado e dos homes, para non estarmos sobreexplotadas e termos certo benestar. Feitos, non palabras.

      Os centros de traballo son o espazo onde se desenvolve a actividade sindical e alí é onde o sindicato vai levar o feminismo. Os dereitos fundamentais non se deixan nas portas das fábricas.

      Este 8M pasamos das palabras aos feitos. É o momento de levar o esforzo feminista do Sindicato dos últimos anos ás relacións laborais. A acción sindical organizada derredor da centralidade do traballo promove a expansión dun sindicalismo feminista universal e integrador que converte a nosa organización en axente de igualdade, dinámico e socializador, onde as feministas de todo tipo confluímos.

      Este 8M queremos recoñecer o traballo cotián feminista que delegadas e delegados realizan na súa actividade diaria, pero tamén usar esta data para que nos centros de traballo se debata sobre as desigualdades e discriminacións existentes neles e dentro das súas empresas. Facer as traballadoras e traballadores cómplices do cambio e contar con elas e eles para conseguir transformar a discriminación en igualdade. Pasamos «das palabras aos feitos» porque os últimos reais decretos que negociamos nos permiten situar os plans de igualdade como ferramenta feminista que reverta os desequilibrios laborais, económicos e sociais entre homes e mulleres en miles de empresas deste país. É o momento de garantir o cumprimento normativo e de que as empresas pequenas apliquen medidas e as grandes e as administracións públicas negocien e tamén apliquen los plans de igualdade.

      Este 8M buscamos con feitos que, desde a negociación colectiva, afrontemos unha organización das relacións laborais diferente para procurar unha vida distinta para homes e mulleres, que atendan os coidados corresponsablemente e que lles permita ás mulleres vivir unha vida autónoma e segura en igualdade e exercer as súas liberdades dentro e fóra do centro de traballo. 

      Para CCOO, todos os días son 8 de marzo pero, aproveitando a data, MANIFESTA o seu compromiso por levar o feminismo aos centros de traballo nas súas múltiples formas, e colocar os plans de igualdade como a súa ferramenta política. Así mesmo, quere con isto contribuír a ensanchar o feminismo sumando espazos e que as actuacións nos centros de traballo se engadan á acción feminista que outros colectivos despregan na rúa.

      Por todo isto, con este manifesto propoñémoslle á RLPT despregar a acción feminista en todos os seus centros de traballo, mediante as fórmulas que consideren idóneas, o día 8 de marzo pola mañá; e a todas as traballadoras e traballadores, que asistan ás convocatorias das manifestacións que se realicen nas súas respectivas cidades.

      Porque o feminismo non se deixa nas portas das fábricas e xuntas somos máis fortes.