Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Marzo 2024.

CCOO gaña unha importante sentenza contra a contratación fraudulenta nas Administracións públicas

    O Xulgado do Social núm. 2 de Lugo ditamina a condición de persoal fixo dunha traballadora que durante catorce anos prestou servizo para a Consellaría do Medio Rural mediante contratos temporais.

    18/04/2022.
    Conselleria Medio Rural Lugo

    Conselleria Medio Rural Lugo

    A sentenza constata que a traballadora, defendida polos servizos xurídicos de CCOO, superara un proceso selectivo para a convocatoria de prazas fixas, respectándose os principios de igualdade, mérito e capacidade para o acceso ao emprego público. Tamén coida probado que a ocupación da praza de forma prolongada no tempo evidencia que estaba vacante no momento da convocatoria do proceso selectivo. 

    O Xulgado reprocha que «non se pode admitir» que unha persoa que supera un proceso selectivo «estea ocupando unha praza de forma ininterrompida en virtude dun contrato temporal», sen ofertar a vacante mediante unha oferta pública de emprego (OPE). Do mesmo xeito, a sentenza denuncia que «non se comprende cal é o motivo polo que a entidade demandada [Medio Rural] non oferta na OPE todas as prazas vacantes no momento da convocatoria e acuda de forma abusiva á contratación fraudulenta».

    Desde CCOO congratúlanse pola resolución xudicial, que acolle o criterio fixado polo Tribunal Supremo, sancionando as Administracións incumpridoras ao decretar a fixeza da relación laboral naqueles supostos —coma neste caso— en que o traballador ou traballadora temporal superou un proceso selectivo e queda acreditado o abuso na contratación temporal.