Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Abril 2024.

O Tribunal de Contratación dálle a razón a CCOO: os concellos deben garantir o incremento salarial do 6,5 % no SAF

    O Tribunal de Contratación Pública de Galicia (TACGal) dálle a razón a Comisións Obreiras: os concellos deben garantir o incremento salarial do 6,5 % para este ano nas licitacións do servizo de axuda no fogar (SAF). Así o sinala o órgano administrativo colexiado coas competencias na materia na resolución sobre o recurso presentado por este sindicato o pasado mes de maio en relación coa licitación do SAF da localidade luguesa de Monforte de Lemos.

    15/06/2022.
    A resolución do TACGal dálle a razón a CCOO e ratifica que os salarios das licitacións do SAF se deben actualizar conforme o IPC

    A resolución do TACGal dálle a razón a CCOO e ratifica que os salarios das licitacións do SAF se deben actualizar conforme o IPC

    A resolución do TACGal desbota de cheo o argumento defendido pola empresa consultora contratada polo Concello de Monforte para a elaboración dos pregos de contratación, a cal alega a caducidade do convenio colectivo para actualizar os salarios un 2,5 % en vez do 6,5 % defendido por CCOO. «[...] estas explicacións non poden ter favorable acollida por este Tribunal», recolle o texto.

    O TACGal é especialmente duro coas explicacións ofrecidas polo propio Concello de Monforte. Partindo de que tanto os pregos como o estudo de custos se referencian en todo momento ao convenio vixente —pese a estar caducado—, «o que [desde o Concello] se nos traslada [...] é que considera adecuado actualizar os salarios conforme a ese convenio colectivo ata o ano 2021, pero non así respecto ao ano 2022, algo que debemos rexeitar absolutamente e que carece dun mínimo fundamento xurídico».

    No seu recurso, CCOO defende que o convenio colectivo segue producindo efectos malia estar caducado mentres non se negocie un novo, e que o texto garante unha suba salarial conforme ao IPC real, que pechou decembro do 2021 nun 6,5 %.

    Comisións lembra que gañou xa unha sentenza no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no ano 2013, a cal recoñece o dereito das traballadoras e traballadores dos SAF a que todos os seus conceptos salariais se actualicen anualmente conforme ao IPC. «Desde aquela, case dez mil traballadoras e traballadores do sector viron incrementados os seus salarios un 16,8 %», sinala Luís Rodas, secretario de Acción Sindical da Federación do Hábitat de CCOO.