Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

Asinado o convenio colectivo de Urbanos de Ourense

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO informa do asinamento do convenio colectivo de Urbanos de Ourense (Grupo Avanza). A formalización do acordo produciuse esta mañá tras máis de dous anos e medio de negociación, dúas folgas, unha pandemia e dúas mediacións no AGA, o mecanismo de resolución extraxudicial de conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais.

    17/06/2022.
    Autobuses da empresa Urbanos de Ourense fóra de servizo durante unha xornada de folga

    Autobuses da empresa Urbanos de Ourense fóra de servizo durante unha xornada de folga

    CCOO, sindicato maioritario do comité —ten catro dos nove delegados— salienta a loita dos traballadores e traballadoras e o liderado desta organización para que se produza este asinamento. Con todo, matiza que quedan aínda bastantes aspectos por tratar, pois o compromiso de acordo, tras trece días de folga, esixía manter o texto do convenio antigo, «obsoleto en moitos aspectos».

    Neste sentido, CCOO aposta por actualizar e mellorar estas cuestións na negociación do plan de igualdade, «outra materia pendente que chega con atraso a esta empresa».

    A empresa

    Urbanos de Ourense, do Grupo Avanza, é concesionaria do servizo de transporte de viaxeiras e viaxeiros en autobús da capital provincial desde o ano 2005, servizo que presta en precario desde o 2015. Actualmente conta con case 120 traballadores e traballadoras.

    Nas últimas eleccións sindicais, o pasado mes de outubro, CCOO revalidou a súa maioría sindical na empresa, logrando catro dos nove delegados do comité de empresa, por tres da CIG e dous da UGT.