Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

Acentúase a desvalorización salarial en España

    Segundo o índice de prezos do traballo elaborado polo INE, os salarios por realizar o mesmo traballo acumulan unha perda de poder adquisitivo desde o 2008 do 6,4 %, unha vez descontada a inflación. Por iso, CCOO coida urxente adoptar medidas de ámbito laboral e económico para recuperar o poder adquisitivo perdido polos salarios e evitar que vaia a máis.

    03/07/2022.
    representación gráfica

    representación gráfica

    O índice de prezos do traballo (IPT) é unha operación estatística do INE que, a semellanza do IPC cos bens e servizos de consumo, mide a variación do salario dunha cesta fixa de postos de traballo ao longo do tempo. Este índice baixou un 0,6 % no 2020, fronte aos incrementos de 2018 e 2019. A difícil situación no ano 2020, marcada polo impacto da pandemia da covid-19, contextualiza esta evolución negativa, cuxo descenso foi superior ao observado no IPC (–0,3 %), o que explica a perda de poder adquisitivo no 2020. E agrávase a forte desvalorización salarial por realizar o mesmo traballo: desde o 2008, o IPT reflicte unha perda acumulada de poder adquisitivo do –6,4 %, unha vez descontada a inflación.

    A pesar das medidas postas en marcha polo Goberno desde 2018, nas que destacan as subas do SMI, os datos mostran que polo menos ata 2020 non lograron reverter a importante perda de poder adquisitivo que acumulan os salarios por realizar o mesmo traballo. E é previsible que coas fortes subas da inflación do 2021 e 2022 esta perda de poder adquisitivo e as súas consecuencias negativas, tanto nos fogares (empobrecemento) como a escala macroeconómica (caída do consumo, da actividade e aumento do endebedamento) vaian a máis. É urxente adoptar medidas de ámbito laboral e económico para recuperar o poder adquisitivo perdido polos salarios e evitar que esa perda vaia a máis.

    Pacto de rendas

    É imprescindible redobrar os esforzos para garantir a protección e as condicións de vida do conxunto da poboación, moi prexudicada pola forte subida da inflación impulsada polo aumento das marxes de beneficios, mentres que os salarios soportan fortes perdas de poder adquisitivo e só se incrementaron un 1,33 %. O Goberno está a permitir este aumento de marxes (efecto de segunda rolda) sen promover un pacto de rendas que, establecendo prezos máximos nos bens e servizos básicos, evite a medra incontrolada dos beneficios empresariais.

    Para afrontar esta situación, urxe acordar un gran pacto de rendas en plural e equilibrado que reparta os custos da inflación entre todas as rendas da economía, non só as do traballo que xa a están sufrindo. O pacto de rendas tería catro elementos principais: 

    1. Un pacto enerxético que ataque as verdadeiras causas da inflación arranxando as ineficiencias do sector eléctrico, limitando os prezos máximos, protexendo os fogares vulnerables e acelerando a transición verde.
    2. Un pacto de negociación colectiva, na primeira distribución da renda, que deteña o efecto de segunda rolda sobre os prezos que xa están a provocar as marxes de beneficios empresariais e que preserve o poder de compra dos salarios para evitar o afundimento da demanda.
    3. Un pacto fiscal que concrete o esforzo colectivo que hai que facer para soster os máis vulnerables ou a quen non se pode defender da inflación (como as persoas xubiladas) e contribúa a pechar a enorme fenda en contribución fiscal que nos separa de Europa.
    4. Un pacto sobre as rendas do alugueiro que tope o incremento das rendas de alugueiro de vivendas e locais onde desenvolven a súa actividade as pemes, e que poña as bases para axustar os alugueiros aos salarios e ingresos da poboación traballadora.