Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

Aprobada a Lei de garantía integral da liberdade sexual

    Desde o Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia celebramos a aprobación no Congreso da Lei de garantía integral da liberdade sexual. Trátase dun éxito para a loita feminista pola igualdade real entre mulleres e homes en España

    26/08/2022.
    Soamente «si» é «si»

    Soamente «si» é «si»

    Coa aplicación desta normativa, as mulleres e mozas estarán máis protexidas lexislativamente fronte á violencia física e sexual, así como fronte aos abusos e violacións.

    Esta nova lei era unha obriga para a sociedade española, sobre todo tendo en conta a contradición entre as estatísticas tan baixas de denuncias de acoso e de abusos sexuais, que contrastan cos datos revelados por distintos estudos. Dá resposta, tamén, á indignación social que produciu o xuízo contra a coñecida como La Manada, cuxas condenas non se correspondían coa gravidade do delito cometido.

    Con esta nova lei dáse un paso firme no desenvolvemento dunha democracia real que protexa por igual a cidadás e cidadáns. Queda pendente, agora, como se aplique.

    Doutra banda, parécenos extremadamente perigoso que os partidos da dereita e da extrema dereita voten contra unha lexislación que pretende protexer os dereitos e liberdades da metade da poboación española. Moi preocupante é, tamén, o xeito en que algúns dos medios de comunicación de maior difusión poñen en dúbida a finalidade da nova lei.

    Desde o Gabinete de Igualdade de CCOO estaremos pendentes de ver como evoluciona a súa aplicación, así como do seu tratamento nos medios de comunicación social.