Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 29 Marzo 2024.

18 de setembro: Día Internacional da Igualdade Salarial

    Desde 2019, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas dedica cada 18 de setembro a celebrar o Día Internacional da Igualdade Salarial, pois asumiuse que desde aquelas primeiras intencións normativas dos anos 50, cando se comezaba a falar de «igual salario por igual traballo», camiñamos nunha senda desigualitaria estrutural que sofren as mulleres coa percepción, polos mesmos traballos, de salarios, en moitos casos, bastante inferiores. 

    16/09/2022.
    18 de setembro, Día Internacional da Igualdade Salarial

    18 de setembro, Día Internacional da Igualdade Salarial

    A fenda salarial no mercado laboral: diferenza dos salarios e retribucións (ganancia media anual ou ganancia/hora) entre as mulleres e os homes

    A pelexa sindical e legal foi tomando forma ao longo destes anos e conseguiuse reducir esa fenda, pero a día de hoxe vemos que aínda non se chegou nin sequera a uns obxectivos razoables. Así, as estatísticas seguen amosando un panorama laboral discriminatorio e moito menos favorable para as mulleres. De feito, nos últimos anos a fenda salarial en Galicia traducíase en máis do 21,7 % en contra das mulleres (*).

    Coa celebración deste día visibilizamos esas desigualdades e diferenzas salariais que seguen a marcar a vida laboral das mulleres, para sensibilizar sobre a importancia de acabar con esa fenda e conseguir que tanto mulleres coma homes gocen dos mesmos dereitos laborais de facto.

    Desde o 2020, coa aprobación dos Reais decretos 901/2020, de 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro, e mais o 902/2020, de 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes, este sindicato está inmerso na negociación de plans de igualdade en moitas empresas para, precisamente, promover o cumprimento da normativa en materia de igualdade entre mulleres e homes no traballo.

    A nosa pelexa radica agora en conseguir que tanto os rexistros retributivos como as auditorías retributivas que forman parte dos diagnósticos dos plans de igualdade empresariais promovan a consecución real e material desa igualdade entre traballadoras e traballadores.

    CCOO, organización feminista e comprometida desde os seus inicios coa igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral, únese cada ano á reivindicación deste día para lembrar que a nosa presenza na negociación colectiva, materializada neses plans de igualdade, é a vía para acelerar definitivamente a eliminación da fenda salarial actual.

    Por iso nos unimos nesta xornada á tan importante reivindicación da igualdade salarial das mulleres.

    Porque as CCOO, para a igualdade, temos un plan!


    * Fonte: Unha cuestión de xustiza social: corrixir a desigualdade salarial cos plans de igualdade. Gabinete de Igualdade do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, febreiro de 2022.