Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

CCOO advirte ao Goberno de Sánchez: «ou hai acordo salarial para as empregadas e empregados públicos ou se intensificará o conflito»

    A Área Pública de CCOO, como primeiro sindicato no ámbito das Administracións públicas, remitiu hoxe un escrito ao Goberno de Sánchez no que esixe a convocatoria inmediata da mesa dun novo acordo salarial e de condicións de traballo, que garanta o poder adquisitivo, derrogue os decretos de recortes de dereitos do 2010-2012 e mellore substancialmente as condicións de traballo no sector público; se non, intensificará as mobilizacións, sen descartar calquera medida de presión, incluída a folga.

    21/09/2022.
    Acordo XA polos salarios para o conxunto do sector público

    Acordo XA polos salarios para o conxunto do sector público

    CCOO dá un ultimato ao Goberno: «ou temos resposta inmediata ou a semana que vén anunciaremos novos procesos de mobilizacións», desta vez, sen descartar a folga no sector público.

    O labor que desempeñan as empregadas e empregados públicos é esencial para o bo funcionamento dos servizos públicos; a profesionalidade e entrega no seu traballo como servidores públicos está claramente recoñecida, só cuestionada nalgunha ocasión pola falta de persoal, feito que este sindicato vén denunciando ante as distintas administracións; polo tanto, non permitirá que se menosprece ese traballo, algo que sen dúbida se fai se non se pecha un novo acordo salarial de recoñecemento e mellora das súas condicións laborais.

    CCOO non vai permitir a constante perda de poder adquisitivo —14 anos sen actualización dos salarios para o persoal do Servizo Exterior—, polo que reclama xa un acordo polos salarios para o conxunto das Administracións públicas e do sector público empresarial.

    Este acordo, que deberá ser plurianual, incluído este ano 2022, ademais de incrementos retributivos, debe conter outra batería de materias que o sindicato vén demandando e que son igualmente unha prioridade para CCOO, como son a implantación da xornada de 35 horas, con carácter básico; o desenvolvemento e actualización do EBEP; Estatuto Marco e a Lei de Función Pública da AGE; actualización da Lei de bases de réxime local e derrogación da Lei de racionalización e sustentabilidade; cambio normativo en materia de igualdade; así como a carreira, promoción e clasificación profesional; ou estender a xubilación anticipada ao conxunto de empregadas e empregados públicos.

    En materia de emprego, ademais de levar a bo termo a estabilización dos cadros de persoal, é imprescindible avanzar na eliminación da taxa de reposición e acometer con urxencia un plan de emprego para o rexuvenecemento dos cadros de persoal.

    Xunto a estas materias fundamentais para a negociación dos PXE 2023, cómpre acometer outras, non menores, como son a revisión das indemnizacións por razón de servizo ou de residencia, as melloras de haberes reguladores de clases pasivas e a recuperación das achegas aos plans de pensións públicos.

    CCOO ten razóns abondas, polo que, se non obtén resposta inmediata, anunciará novas mobilizacións.